Luns. 07.10.2024
El tiempo

O voluntariado fórmase en materia de inclusión en Íntegro

grupo voluntariado de Integro
O voluntariado fórmase en materia de inclusión en Íntegro

O voluntariado é unha forma de participación da cidadanía na sociedade a través das organizacións do terceiro sector. Por iso, desde Íntegro volven apostar, un ano máis, pola posta en marcha dun programa orientado á capacitación e formación de persoas voluntarias que decidan formar parte do equipo da entidade para sumar en positivo nas accións de visibilidade e inclusión efectiva das persoas con diversidade.

Actualmente, a asociación Íntegro conta cun grupo de voluntariado formado por 17 persoas, das que 9 son menores de 30 anos e integrantes do equipo de voluntariado xuvenil que participa no proxecto “O voluntariado coa diversidade Recícla-T”, orientado ao desenvolvemento de accións vinculadas co coidado e a conservación do medio e a reciclaxe de plástico. 

A entidade cabanesa está a levar a cabo un proxecto de actividades de captación, sensibilización e formación dirixido á mocidade, ás persoas con discapacidade e calquera outra persoa que resida nalgún concello da Costa da Morte, e que estea interesada en realizar actividades de voluntariado na área de persoas con diversidade funcional.

Así, desde a área de sensibilización e formación organizáronse numerosos obradoiros enfocados ao público en xeral como o curso de voluntariado e diversidade funcional, realizado nos meses de febreiro e xullo, co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades, proporcionando  coñecementos básicos en materia de diversidade e inclusión (diferenzas entre integración, inclusión e segregación ou as pautas para unha inclusión real) ou ofrecendo unha formación básica sobre medio ambiente para concienciar e sensibilizar arredor da problemática ambiental coa intención de incentivar valores e actitudes positivas e respectuosas co medio natural.

grupo voluntariado de Integro.jpg

Reciclaxe e reconversión 

Setembro tamén resultou ser un mes de intensa actividade formativa con accións encamiñadas á formación de persoas voluntarias arredor do noso proxecto de reciclaxe de plásticos Diversiplás, coa segunda edición da “Formación básica: Identificación de plásticos” para aprender a identificar os plásticos e cales son as súas propiedades e principais aplicacións. 

Ademais, este mesmo día 13 de setembro puxeron en marcha un taller de “Nocións básicas sobre primeiros auxilios”, que permitiu ao alumnado adquirir coñecementos básicos en materia de prevención de accidentes, procedementos e técnicas de auto-protección e identificación de situacións de urxencia. 

INVITACIÓN

Desde Íntegro queren convidar a todas aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, a sumarse ao equipo de persoas voluntarias. Ademais de visitar os institutos da Costa da Morte para informar e concienciar aos máis novos, a campaña de captación de voluntariado permanece aberta durante todo o ano a través do 981 734 985 ou en [email protected]

Comentarios