Carnota celebrou o 75 aniversario de Castelao
O BNG de Carnota vén de render homenaxe á figura política de Castelao nun acto público que foi arroupado por máis dun cento de persoas, e que foi levado a cabo este venres 24 de outubro na Casa do Mar de Lira. Contou coas intervencións da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e do cabeza de lista da formación nacionalista en Carnota para as eleccións municipais de 2027, Primitivo Pedrosa.
No acto, que foi presentado por Cristina Caamaño e que se enmarcou no Ano Castelao polo 75 aniversario do seu falecemento, varias persoas realizaron unha lectura pública de diferentes fragmentos do libro "Sempre en Galiza", obra literaria do homenaxeado. Tamén houbo apartado musical, coa actuación da cantante local Fátima, que interpretou o coñecido tema “Lela”. Así como a entonación do himno galego ao final do evento, da man do gaiteiro Xosé Manuel.
Durante as intervencións, Ana Pontón destacou a pegada que deixou Castelao no pensamento nacionalista galego, e apuntou que tivo a grandeza de contribuír a que nacera en 1944 o Consello de Galiza, institución galega no exilio, cuestión pola qué é recoñecido como primeiro presidente galego.
“Se hoxe Castelao nos vira, sentiría orgullo do que estamos facendo”, sinalou a portavoz nacional do BNG, que engadiu que “75 anos despois da súa morte, podemos dicir que se o nacionalismo galego está onde está, é grazas a el”.
Pola súa banda, Primitivo Pedrosa, lembrou que Castelao celebrou un acto político en Lira, polo que decidiron realizar a homenaxe precisamente neste lugar do municipio de Carnota.