Venres. 30.10.2020
El tiempo

300 kg de lixo mariño que nunca volverán ao mar

300 kg de lixo mariño que nunca volverán ao mar
Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Area do Lago-Camarinas 1 Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Area do Lago, en Camariñas

Despois de 15 días arreo de choiva e vento, a mañá deste pasado sábado 16 de xaneiro, foi un agasallo do inverno. Sobre todo para os 23 bravos voluntarios que se puxeron o mono de traballo e responderon ao chamamento de Mar de Fábula, e se achegaron á praia do Lago e ao Coído da Punta do Corno a retirar da ribeira o lixo mariño que o mar nos devolveu nos últimos temporais.

Saíu o sol para facer máis agradable este primeiro traballo do ano na conservación e limpeza do noso medio mariño. A elevada participación permitiu ao grupo dividir forzas para actuar ao mesmo tempo en dúas liñas da costa claramente diferenciadas: na area de Lago, na entrada da ría de Camariñas e no coído da Punta do Corno, a poucos metros do Cabo Vilán.

Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Area do Lago-Camarinas Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Area do Lago

No primeiro grupo da praia, dando exemplo unha vez máis, o alcalde camariñán cunha parte do seu equipo. Nesta area enchéronse 11 sacos con plásticos de toda caste, moito refugallo miúdo, un pallet de bo tamaño, unha maroma grande despeluxada e un aparello enorme de rede de malla fina que estaba chantada nas rochas.

Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Punta do Corno-Cabo Vilan-Camarinas 2 Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Punta do Corno, preto do Cabo Vilán

No segundo grupo, no coído da Punta do Corno, deslumbrados polo océano e traballando baixo o ollo vixiante do Faro, enchéronse 21 sacos con botellas de plástico, envases industriais, boias, anacos de plásticos varios, espumas... e a granel dúas estachas, unha pesada defensa (dun remolcador? ), bloques de porexpan, ferros de nasas…

En total máis de 300 kgs. de lixo mariño que xa nunca volverá ao mar.

Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Punta do Corno-Cabo Vilan-Camarinas 2 Voluntarios con Mar de Fabula limpando a Punta do Corno

Reciclaxe

Así, hoxe luns, contando coa colaboración loxística do Concello de Camariñas para o seu transporte e almacenamento provisonal, poderán empezar coa selección dos diferentes plásticos para a súa posible reutilización artística, reciclaxe industrial ou destrución.

Novas relacionadas Fonte

comentarios