300 kg de lixo mariño que nunca volverán ao mar


Despois de 15 días arreo de choiva e vento, a mañá deste pasado sábado 16 de xaneiro, foi un agasallo do inverno. Sobre todo para os 23 bravos voluntarios que se puxeron o mono de traballo e responderon ao chamamento de Mar de Fábula, e se achegaron á praia do Lago e ao Coído da Punta do Corno a retirar da ribeira o lixo mariño que o mar nos devolveu nos últimos temporais.
Saíu o sol para facer máis agradable este primeiro traballo do ano na conservación e limpeza do noso medio mariño. A elevada participación permitiu ao grupo dividir forzas para actuar ao mesmo tempo en dúas liñas da costa claramente diferenciadas: na area de Lago, na entrada da ría de Camariñas e no coído da Punta do Corno, a poucos metros do Cabo Vilán.

No primeiro grupo da praia, dando exemplo unha vez máis, o alcalde camariñán cunha parte do seu equipo. Nesta area enchéronse 11 sacos con plásticos de toda caste, moito refugallo miúdo, un pallet de bo tamaño, unha maroma grande despeluxada e un aparello enorme de rede de malla fina que estaba chantada nas rochas.

No segundo grupo, no coído da Punta do Corno, deslumbrados polo océano e traballando baixo o ollo vixiante do Faro, enchéronse 21 sacos con botellas de plástico, envases industriais, boias, anacos de plásticos varios, espumas... e a granel dúas estachas, unha pesada defensa (dun remolcador? ), bloques de porexpan, ferros de nasas…
En total máis de 300 kgs. de lixo mariño que xa nunca volverá ao mar.

Reciclaxe
Así, hoxe luns, contando coa colaboración loxística do Concello de Camariñas para o seu transporte e almacenamento provisonal, poderán empezar coa selección dos diferentes plásticos para a súa posible reutilización artística, reciclaxe industrial ou destrución.
Novas relacionadas- O impacto ambiental dos bastóns de algodón
- Mar de Fábula e as mariscadoras recuperan a enseada da Basa
- Xuño 2015: A Costa da Morte foi a zona con máis conciencia na Limpeza Simultánea de Praias.
- Os voluntarios de Mar de Fábula curan a ferida plástica do Coído de Touriñán
- Unha fábula moi ecolóxica.
- A Costa móllase polas súas praias.
- A veciñanza salva os areais.
- Limpeza Simultánea 2013: Limpando praias e conciencias.
- Plásticos que invanden areais.
- Loitando contra a invasión do plástico.
- Crebas en forma de tartaruga e chapapote en Fisterra.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Mar de Fabula.