A falta de pediatras, o insán costume do sistema sanitario galego


Semana convulsa esta arredor do sistema de saúde público galego, centralizado na problemática dos pediatras. Unha situación que afecta á nosa zona directamente en concellos concretos como Zas, onde xa saíron á rúa esta pasada fin de semana os pais e nais afectados, igual que en Malpica, Coristanco, Mazaricos, Cee…
Pero é que o panorama a nivel galego é desalentador. Esta pasada semana pediatras de toda Galicia manifestábanse en contra da creación dunha “categoría profesional unificada” baixo o epígrafe "facultativo especialista de pediatría de área”. Unha medida que xera un claro malestar no sector e da que mesmo o PP xa se retractado.
Pero o problema real, segundo a CIG-Saúde é a a falta de pediatras no sistema sanitario galego. Unha situación que vén sendo alertada dende o ano 2012, data na que se publicou no DOG o Plan de Ordenación de Recursos Humanos no que se recollía xa a previsión de xubilacións nesta especialidade ata 2017.
Inestabilidade
A CIG reincide tamén en que a creación de figura de ‘pediatra de área’ non soluciona, en absoluto, o problema, senón que ademais “vai provocar inestabilidade e explotación laboral das/os que agora están”.
“A intención do PP coa creación desta categoría ás agochadas non é mellorar a atención pediátrica da poboación infanto-xuvenil galega, senón crear un posto de facultativo/a especialista polivalente para prestar servizos en máis dun centro hospitalario e de primaria”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
Esquecemento do rural
Así, a CIG-Saúde témese que detrás disto se agoche a intención de centralizar a asistencia pediátrica nos grandes núcleos de poboación desatendendo os hospitais comarcais e a atención primaria do resto dos núcleos.