Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión

A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión
Edifico-do-Antigo-Asilo-de-Corcubion O edificio do Antigo Asilo de Corcubión está preparado para acoller o Centro de Día que rexeita a Xunta Así de claro o trasladou o responsable do goberno á deputada socialista Loli Toja, que levou á comisión de Sanidade, Política Social e Emprego esta pasada mañá a petición de apertura do Centro de Día de Corcubión. “O concello construiu o Centro de Día pero non estaba na planificación da Xunta, así que unha vez que o Concello o abra comezaremos a falar”. A Xunta, como xa fixera o ano pasado, descarga toda a responsabilidade dunha infaestrutura tan necesaria coma esta nun concello tan pequeno como o de Corcubión. Así llo trasladaban as técnicas de servizos sociais dos concellos da comarca á Deputación, sinalando como unha das prioridades máis importantes tendo en conta ademais que un Centro de Día permite aos nosos maiores manter o seu fogar, e libera a todas persoas (maioritariamente mulleres) que teñen que quedar na casa para coidar dos seus dependientes.

Toca ir a Muros

Loli Toja denuncia unha “intolerable discriminación” coa Costa da Morte, e lembra que o Goberno municipal non pode asumir a posta en marcha do servizo pola falla de recursos. Toja lembrou tamén que o edificio e a situación son “inmellorables” para a zona, cubrindo así un territorio orfo desta infaestrutura, pois os máis cercanos son en Cabana e Muros, a unha hora de viaxe de ida e outra de volta. En Cabana o propio alcalde José Muíño ten recoñecido que hai longas listas de espera, mentres que no de Muros, onde hai usuarios dende Mazaricos ata Fisterra, aínda teñen arredor de 20 prazas das 45 dispoñibles. Con estas cifras, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, argumentou que “a realidade é que a curto prazo non existe demanda suficiente para que a Xunta abra un novo centro de día nesa zona”. Para a deputada socialista "incitar a mandar aos teus país maiores, dependientes, todos os días 44 km ida, 44 km volta... como se fosen paquetes, por non abrir un centro é sectarismo, nin máis nin menos". Toja tamén lembrou que xa se gastaron 350.000€ para preparar este espazo que podería acoller 25 persoas, e acusou ao goberno galego de “condenar ao esquecemento” á Costa da Morte, cunha discriminación máis dentro duns orzamentos para o ano 2019 dos que “fan desaparecer a toda unha comarca enteira por puro sectarismo político”.

"En Corcubión non temos as competencias para abrilo, pero non perdemos a esperanza"

A raíz desta resposta da Xunta, o alcalde de Corcubión Lalo Insua, explica que o Concello non ten competencias para abrir o Centro de Día. "Saben que nós non temos competencias para abrir un Centro de Día, non o poderíamos xestionar. Quen ten a competencia é a Xunta de Galicia, e debería ter alomenos un centro de día comarcal nesta zona na que teríamos unha poboación estimada de 30.000 persoas (contando Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Camariñas, Muxía), que en realidade, tampouco chegaría a nada, pois vendo a poboación envellecida, sería un pequeno parche". Insua lembra que cando se comezaron as obras, aló polo 2010, xa lle presentaran o proxecto ao Consorcio e "lles explicamos cales eran as nosas pretensións, e nunca pecharon as portas, asegurando que terían en conta o esforzo, sobre todo económico, realizado polo Concello de Corcubión. Pero dende aquela vemos claro que a Xunta ten unhas cores escollidas para facer os investimentos, e así se comproba nos Orzamentos presentados a semana pasada, que nos deixa apartados a todos os veciños da Costa da Morte", sinala Insua. "Por que será? Porque non están gobernando ningún concello da zona, pero teñen que saber que están castigando a todos os veciños da bisbarra e non só dos equipos de goberno doutras cores". Sobre se a Deputación podería facerse cargo dalgo máis (todos as achegas recibidas ata agora para ter o centro listo foron con convenios e plans da Deputación), Insua explica que "a Deputación creo que non ten competencias. Non sei se a Deputación podería axudar a poñelo en marcha (facer pequenas reformas e sobre todo meter os muebles) e outra cousa sería poñelo a funcionar, que só ten competencia a Consellería de Benestar".

En todo caso, e ollando ao futuro, Lalo sinala que "nós non perdemos a esperanza, porque temos feito moitos esforzos para que este proxecto sexa unha realidade para toda a comarca".

 

Novas relacionadas

“Os técnicos de Servizos Sociais da comarca de Fisterra trasladaron á Deputación a necesidade de abrir o Centro de Día de Corcubión” — Que pasa na costa   Fonte

Comentarios