A Laracha prepara as cabazas para o Samaín infantil

O Concello da Laracha prepara unha ampla programación para conmemorar o Samaín con actividades pensadas para o público infantil co obxectivo de ofrecer espazos de diversión, creatividade e convivencia arredor desta celebración tan especial.
Comezará o venres 31 de outubro no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, que acollerá unha Festa de Samaín dirixida a nenos maiores de 4 anos. Desenvolverase entre as 11:00 e as 13:00 horas e incluirá unha xincana do terror, xogos, música e un obradoiro de maquillaxe terrorífica de acordo á temática da celebración. Anímase a todos os participantes a acudir disfrazados para mergullarse de cheo no ambiente do Samaín. As prazas son limitadas, polo que será necesario inscribirse previamente. O prazo abrirase o mércores (22 de outubro) e poderá realizarse en liña ou presencialmente na Casa da Cultura. Teñen preferencia os empadroados no termo municipal da Laracha.
A celebración continuará o sábado 1 de novembro na Praza Les Sables d’Olonne da Laracha, que se transformará nun escenario de medo e diversión co Túnel do Terror. Haberá dúas sesións: unha infantil, pensada para menores de 8 anos, de 17:00 a 18:30 horas, e outra terrorífica, destinada a maiores de 8 anos, de 18:30 a 20:00 horas. Ademais, durante toda a tarde, de 17:00 a 20:00 horas, na propia Praza Les Sables d´Olonne os rapaces tamén poderán participar nun obradoiro infantil de manualidades arrepiantes. En ningunha das actividades do sábado se require inscrición previa.