Aitana, do IES Pedra da Aguia e o Vicente Carril a EEUU cunha Beca da fundación Amancio Ortega
Este domingo marcou dous goles no Vicente Carril para o EF Juan Cabrejo sénior feminino. Tamén estivo tocando o seu piano, lendo e estudiando 4º ESO no instituto Pedra da Aguia de Ponte do Porto. Pero xa soña co curso que vén, cando se vaia a facer 1º de Bacharelato a Estados Unidos.

Falamos de Aitana Teijeiro Cabrejo, unha rapaza de apenas 15 anos que está a piques de vivir unha experiencia fantástica. Acaba de conseguir unha das 450 becas da Fundación Amancio Ortega, tras presentarse entre máis de 8.000 persoas en toda España.
Xa para optar a esta beca hai que ter mínimo un 8 de nota media nos tres primeiros cursos da ESO. A súa nota é de 9'72, e dende 1º ESO leva soñando con conseguir esta beca.
Para conseguilo tivo que pasar tres fases nas cales hai exames de inglés e entrevistas persoais, e agora é unha das 80 alumn@s galegas que cruzarán o Atlántico con esta beca, sendo ademais unha das primeiras da Costa da Morte.


