luns. 08.06.2026
El tiempo

Belem Tajes cántalle á Santa Ferreña

Belém Tajes-Sofía-Taboada©-1205
Belém Tajes-Sofía-Taboada©-1205
Belem Tajes cántalle á Santa Ferreña

Xa está nas plataformas “Santa Ferreña”, o primeiro adianto da nova etapa artística de Belém Tajes. A artista camariña avanza neste período de transición creativa, explorando novas linguaxes sonoras sen perder a conexión coas súas raíces, converxendo nun mundo coetáneo entre o folk contemporáneo e o pop experimental

A canción afonda nos ritos pagáns e nas pequenas tradicións herdadas que aínda perviven no noso día a día, especialmente entre aquelas persoas que procuran na cotidianidade sinais de conexión co máxico, o simbólico e o ancestral.

Ao mesmo tempo, Santa Ferreña é unha homenaxe aos históricos encontros de música tradicional de Carboeiro e á súa patroa, converténdose nun canto colectivo á memoria compartida, á celebración e á identidade popular.

A portada do sinxelo é unha fotografía orixinal de Sofía Taboada, mentres que as pezas audiovisuais que acompañan o lanzamento foron creadas pola artista visual ucraína Marina Kálcheva.

Mentres continúa a presentar en directo o seu primeiro álbum, “Amar o Mar”, Belém Tajes afronta un calendario de actuacións este verán que a levará o 19 de xuño a Vimianzo, o 20 de xuño a Ortigueira, o 24 de xullo á Praza da Quintana de Santiago de Compostela nun concerto compartido coa mexicana Lila Downs, o 25 de xullo ao festival Correntes World Music de Monção (Portugal) e o 17 de setembro ao Club Clavicémbalo de Lugo, entre outras citas por anunciar.

Máis novas

Comentarios