Venres. 29.03.2024
El tiempo

Camariñas aproba provisionalmente o PEPRI

Reunion dunha comision de seguemento do Covi
Imaxe dunha reunión do grupo de goberno
Camariñas aproba provisionalmente o PEPRI

Era unha das súas promesas cando asumiu a alcaldía, como nos explicaba nos #DirectosQPC, pero a falta dunha interventora demorouna. Hoxe, o Concello de Camariñas pode afirmar que vai aprobarprovisionalmente o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do casco histórico, o paso previo á aprobación definitiva.

Así o acordou a Xunta de Goberno Local, que xa pensa no seguinte paso: trasladar o informe á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para coñecer as súas conclusións e poder pasar á aprobación definitiva e á súa posterior entrada en vigor.

Unha posta en vigor que “servirá para recuperar e ordear o casco histórico de Camariñas, elevando a calidade de vida dos veciños e veciñas”, explicou Sandra Insua, que recoñece que “o casco histórico, na actualidade está en proceso de regresión debido ao crecemento ao marxe do planeamento das últimas décadas”.

Resumo do PEPRI de Camariñas

A superficie delimitada polo ámbito do PEPRIC é de aproximadamente de 122.032 m² variando o ámbito do PEPRI-01 establecido no vixente PXOM de Camariñas que é de 119.022 m² (11,90 Ha), o que supón un incremento do 2,52 % respecto da delimitación inicial, aínda que esta diferenza está dentro dos parámetros máximos (5%) asumidos pola lei.

As actuacións que se consideran de maior importancia son as de soterramento das redes de enerxía, alumeado e telefonía por supor un importante impacto visual na paisaxe urbana.
Neste mesma situación se atopa a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos. Apóstase pola implantación de xeito progresivo de puntos de contribución múltiple soterrados en zonas clave. Esta medida podería verse complementada e reforzada pola recollida porta a porta naquelas zonas eminentemente peonís.

Non hai equipamentos novos propostos no Pepri, á marxe dos xa recollidos no PXOM de Camariñas, optándose por acondicionar o situado na rúa da Fonte e construíndo dous pequenos pavillóns para crear un lugar para usos educativos e administrativos, entre os cales destacarían: ser a sede da oficina de rehabilitación do PEPRIC, actividades formativas, viveiro de emprendedores e espazo para o uso por parte de asociacións, colectivos, ciclos de conferencias etc, contando ademais cun pequeno auditorio ao aire libre.

No que atinxe ao viario, tan só se pretende a apertura dun pequeno tramo entre as rúas Muíño do Vento e Pizarro, para desta forma dar saída a unha rúa que só ten acceso peonil.

No que se refire aos espazos libres o PEPRIC recolle tanto algúns acondicionados recentemente e que non figuraban no PXOM como é o caso dos que se localizan na praza do Curro ou o Cantón da Leña e eleva a esa categoría espazos como as prazas de Colón, do Anxo e Insuela, sobre as que ademais se propoñen actuacións de reurbanización importantes, ao entender que conforman xunto ás xa delimitadas un sistema verde ao longo de toda a zona do plan especial.

Por outra banda, os lugares onde se propón executar novas zonas verdes corresponden á unión das rúas Santa Ana, Churruca e a estrada do Vilán (L-166), a partires de parcelas adxacentes ao viario que se acondicionan para permitir unha maior amplitude.

Mobilidade

A accesibilidade será unha prioridade, coa reserva de prazas de aparcamento.
Se ben os principais viarios de acceso e circunvalación manteranse como zonas de tráfico, proponse a peonalización do resto das vías, limitando o acceso que os automóbiles poidan ter a elas, restrinxíndoo aos posibles accesos para carga e descarga ou a entrada e saía dos estacionamentos privados.

O aparcamento principal será no porto, se ben no eixe conformado polas rúas Pizarro e San Xosé, parte da superficie de dotación a obter orientarase ao establecemento de aparcadoiros disuasorios.

Rehabilitación

Un dos temas máis importantes é a conservación das construcións tradicionais e, no caso das máis relevantes, catalogándoas se acaso non figuraban xa no plan xeral. Para o resto fixaranse uns niveis de intervención posibles e de ser o caso os elementos a protexer que aparecerán reflectidos nas fichas individuais.

En xeral limítanse as alturas, que só excepcionalmente poderán superar o baixo e planta ou baixo e dúas plantas, segundo as ordenanzas, e fíxanse unhas condicións de cuberta moi relacionadas coas existentes tradicionais nos rueiros e couzadas onde se localiza cada edificación considerada, limítanse os voos cara rúas estreitas prohibíndose voar máis dunha vez por edificación (sen computar para elo cornixas e aleiros), delimítanse os materiais a empregar en cerramentos e carpinterías, prohibíndose aqueles que se consideran alleos á identidade da vila, salvagárdanse os peches tradicionais das parcelas de cachotería que aínda existen dentro do núcleo, etc.

Novas relacionadas

Comentarios