Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Camariñas crea unha Rede Turística para unir o sector hostaleiro

Camariñas crea unha Rede Turística para unir o sector hostaleiro
Cris Tella impartindo sesions de turismo en Camarinas

Xa falamos moitas veces da Asociación de Empresarios do Turismo de Camariñas, e do seu gran traballo de dinamización dun espazo tan emblemático como o Faro Vilán. Hoxe coñecemos que aposta camariñá pola unión do sector hostaleiro segue firme e nos congratulamos que os cartos europeos que se invirten do Grupo de Acción Costeira (GAC) o fan nesa liña, na da unión.

Así, o proxecto Camariñas. O mar todo” tratará, a base de formar, de tecer unha redeturística real. As primeiras accións serán 7 talleres formativos que se celebrarán durante todo o mes de xuño, os martes e xoves en horario de 17.00 a 20.00 horas no Centro de Iniciativas Informáticas.
A primeira sesión tivo lugar onte pola tarde baixo o título “A cultura colaborativa e o manual de boas prácticas”, impartida pola consultora turística pontecesá Cristina García, de Valora Consultores. Durante a mesma, tratouse a importancia de crear unha rede de hostaleiros unida en Camariñas. Os participantes consideran necesaria esta unión sectorial para traballar de xeito conxunto.Tamén se difundiu un manual de boas prácticas para acadar unha boa calidade tanto no destino turístico como na atención ao cliente.
O segundo taller terá lugar mañá, xoves 5, estando dedicado a “A cultura do mar e de creación de produto turístico”. A próxima semana, o martes 10, os hostaleiros reuniranse para decidir á creación dun menú mariñeiro para Camariñas baixo o nome “Obradoiro para o deseño dun menú gastronómico”.

Visita á conserveira

O xoves seguinte, 12 de xuño, a actividade leva por título “Camariñas, destino de turismo mariñeiro e de natureza” e consistirá en dar a coñecer os recursos naturais e mariñeiros do municipio a través dunha mesa redonda con empresas de ocio e de guías da zona. Farase tamén unha visita guiada á conserveira da vila para coñecer de preto o patrimonio mariñeiro e industrial xa que o proxecto “Camariñas. O mar todo” traballa sobre a base de que é importante acadar un alto coñecemento dos recursos para poder así informar sobre eles aos clientes.

Na terceira semana de xuño, realizaranse os talleres “Deseño de experiencias, paquetización e comercialización de servizos” o martes 17; e “Cultura do detalle e a atención ao cliente” o xoves 19. Xa o último xoves de xuño, o día 26, o programa de cursos pecharase cun obradoiro de emprendemento. Durante a mesma, convidarase a empresarios galegos que crearon unha empresa vinculada ao mar e á súa cultura para que conten a súa experiencia e animen aos hostaleiros camariñáns tanto a innovar nos seus negocios como a emprender novas actividades relacionadas con este medio e co turismo.

“Camariñas. O mar todo” é un proxecto enfocado ao desenvolvemento dun produto turístico unido ao mar, á dinamización da vila e do sector turístico para ofertar un mellor servizo e facer un destino máis atractivo e cohesionado. Promovido polo Concello de Camariñas, está financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira, GAC3 Costa da Morte.

Programa

  • 1. A cultura colaborativa e o manual de boas prácticas. Martes 03 Xuño, de 17:00h a 20:00h
    O traballo en rede é fundamental para conseguir un destino turístico cohesionado e con éxito. Nesta sesión estudaranse os xeitos de traballo en rede, os seus beneficios e os obxectivos que perseguen. Tamén difundiremos o contido do manual de boas prácticas para ofertar un mellor servizo turístico.
  • 2. A cultura do mar e da creación de produto turístico. Xoves 05 Xuño, de 17:00h a 20:00h.
    Camariñas está moi vencellada ao mar e isto é unha oportunidade que non se lle pode escapar ao sector turístico. O obxectivo desta actividade é que coñezan os recursos culturais unidos ao mar de Camariñas e que aprendan a articular produtos turísticos tanto individuais como colectivos en torno a estes recursos.
  • 3. Obradoiro para o deseño dun menú gastronómico: Menú Mariñeiro de Camariñas. Martes 10 Xuño, de 17:00h a 20:00h.
    Deseñarase un menú gastronómico con produtos locais do mar de Camariñas. A finalidade é valorar a nosa materia prima e dar uns menús que nos diferencien segundo o produto existente en cada tempada.
  • 4. Camariñas, destino de turismo mariñeiro e de natureza. Xoves 12 xuño, de 17:00h a 20:00h.
    Consistirá en dar a coñecer os recursos naturais e mariñeiros de Camariñas a través dunha mesa redonda de empresas de ocio e guías da zona. Farase tamén unha visita guiada a unha conserveira da vila para coñecer a riqueza que se posúe de patrimonio mariñeiro e industrial. É importante acadar un alto coñecemento dos recursos para poder así informar sobre o patrimonio aos seus clientes.
  • 5. Deseño de experiencias, paquetización e comercialización de servizos. Martes 17 Xuño, de 17:00h a 20:00h.
    Realizarase unha actividade de co-creación de paquetes turísticos entre os axentes turísticos de Camariñas e unha axencia de viaxe. A función da axencia é a de ensinarlles a articular experiencias únicas e a de traballar con paquetes turísticos a través de intermediarios. Analizaranse novas tendencias de comercialización.
  • 6. Cultura do detalle e a atención ao cliente. Xoves 19 de Xuño, de 17:00h a 20:00h.
    Impartirase unha sesión formativa sobre a atención ao cliente e a cultura do detalle, a xestión das expectativas do cliente, a xestión de queixas e reclamacións, cómo informar ao cliente sobre os servizos de cada empresa e sobre as actividades do entorno, etc.
  • 7. Obradoiro de emprendemento: Tourism Master Class. Xoves 26 Xuño, de 17:00h a 20:00h.
    Invitaranse a empresarios galegos que crearon a súa empresa vencellada ao mar e á súa cultura, para que conten a súa experiencia e animen á poboación local tanto a innovar nos seus negocios como a emprender novas actividades relacionadas co mar, a cultura e o turismo.

Novas relacionadas

  • Empresarios de Camariñas.

Comentarios