xoves. 30.10.2025
El tiempo

O PSOE incide en que non hai partida específica nos Orzamentos da Xunta para a reforma integral do CEIP O Areal

As deputadas Patricia IGlesias e Paula Mouzo
As deputadas Patricia Iglesias (PSOE) e Paula Mouzo (PP)
O PSOE incide en que non hai partida específica nos Orzamentos da Xunta para a reforma integral do CEIP O Areal

Tralo tenso debate vivido onte no Parlamento entre Patricia Iglesias e Paula Mouzo arredor da loita contra o narcotráfico, a tensión entre as deputadas socialista e popular continúa medrando.

A semana pasada, no no marco da presentación da proposta de Orzamentos da Xunta para 2026, o PP anunciaba unha partida de case 1 millón de euros (dentro dos 13 dedicados a ese menester a nivel autonómico) para a reforma integral do CEIP O Areal de Camariñas.

De contado, a socialista Patricia Iglesias denunciaba que non existía unha partida específica para tal efecto. "Estiven vendo o proxecto de orzamentos territorializado e non atopo ningunha partida específica nestes orzamentos 2026, a única partida que hai para Camariñas é da entidade pública de Portos de Galicia para o departamento de usuarios de 10.000 euros, entón eu non sei que outros orzamentos está vendo a deputada do Partido Popular", afirmaba Iglesias.

Non tardou a deputada camariñá, Paula Mouzo en saír á voz pública para asegurar que si, que “a Xunta de Galicia vai invertir 965.000 euros na reforma do Colexio o Areal de Camariñas”. “Os presupostos da Xunta recollen está importante obra para Camariñas. O que me sorprende é que a deputada socialista que presume de ser "letrada" e, polo tanto, ter un avanzado coñecemento das leis de orzamentos descoñeza que non todas as actuacións previstas pola Xunta aparecen desagregadas por concellos”, criticaba Mouzo, que retaba á socialista a apoiar os Orzamentos para ratificar esa partida.

Chega hoxe a nova resposta da carballesa Iglesias, que quere "desmentir categoricamente" as afirmacións de Mouzo: “Non hai unha partida específica para esa reforma integral”, sinala con rotundidade a socialista, que lle lanzou “outro reto”. “Imos presentar unha emenda aos orzamentos por parte do Partido Socialista, onde vamos incluír especificamente esa reforma integral do CEIP O Areal con nome e apelidos, a ver se o Partido Popular apoia a nosa emenda", sinala a parlamentaria socialista.

Iglesias defendeu a necesidade da obra, e criticou duramente "que se faga unha utilización partidista dos orzamentos da Xunta de Galicia". "Nós non sabemos sobre esa partida da reforma integral porque non se nos deu coñecemento", indica.

Máis novas

Comentarios