Camariñas, Muxía e Vimianzo aproveitarán novo Obradoiro de Emprego CAMUVI Forestal
Celebrouse onte na Casa da Cultura de Vimianzo, a inauguración do Obradoiro de Emprego CAMUVI Forestal, promovido polos concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas. Unha programa de formación dual que fomenta a formación e a inserción laboral das persoas desempregadas.
O Obradoiro de Emprego CAMUVI Forestal conta con 500.000€ para formar 20 persoas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e montaxe de mobles e elementos de carpintaría.
Aproveitamento municipal
Ademais de ofrecerlle unha profesión ás persoas desempregadas, o Obradoiro permitirá desenvolver actuacións de gran utilidade para os tres concellos participantes. Entre os traballos previstos figuran actuacións de carpintaría, como a montaxe de mobles e elementos de carpintería e pintura no Concello de Vimianzo, así como o mantemento e conservación de elementos de madeira en equipamentos municipais e mobiliario de oficina.
Tamén se levarán a cabo actuacións de limpeza técnica de viais e edificios municipais e o pintado de mobiliario urbano, incluídas as marquesiñas, contribuíndo á mellora da imaxe e funcionalidade dos espazos públicos.
Entre os proxectos máis destacados atópase a reparación dos accesos ás praias de Muxía que contan con pasarelas de madeira, unha intervención que favorecerá a seguridade das persoas usuarias e a conservación dun entorno natural de especial valor.
No ámbito forestal e ambiental, o alumnado realizará accións das brigadas forestais no Concello de Vimianzo, labores de desbroce e limpeza de biomasa en parcelas municipais e rutas de sendeirismo, así como traballos de limpeza forestal en itinerarios de elevado interese patrimonial e turístico, como a Vía Mariana e o Camiño dos Faros.
Durante a súa intervención, a representante autonómica puxo en valor o esforzo que está
a realizar a Xunta neste ámbito, lembrando que este ano se aprobarán en Galicia un cento
de obradoiros de emprego cun investimento global de 48,1 millóns de euros, que
permitirán formar preto de 2.000 persoas sen emprego.
No caso da provincia da Coruña, están aprobados un total de 20 obradoiros de emprego
cun investimento próximo aos 10 millóns de euros, beneficiando arredor de 400 alumnos e
alumnas. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte desenvolvense tres programas
deste tipo: o CAMUVI Forestal, compartido por Vimianzo, Muxía e Camariñas; o promovido
por Carballo e Coristanco; e o da Laracha, cun investimento conxunto de case 1,5 millóns
de euros para formar a 60 persoas desempregadas.
A delegada territorial sinalou que estes programas constitúen “unha rede moi potente de
formación presente en toda Galicia, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e
ofrecer oportunidades reais a quen máis o precisa”.