Camariñas propón unha ordenanza para as autocaravanas común para todos os Concellos da Costa da Morte

O Concello habilitou un espazo provisional para autocaravanas en Area da Vila

Falabamos precisamente esta semana da problemática coas autocaravanas na Costa da Morte, da súa falta de ordenamento e falta de espazos.

Por agora só Fisterra conta cunha ordenanza, e moi poucos concellos teñen espazos perfectamente habilitados como aparcamentos oficias. Ante esta situación, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, anunciou que levará á próxima reunión da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) unha proposta para a elaboración dunha ordenanza común para regular o estacionamento de caravanas e autocaravanas.

A rexedora explica que “non podemos ter cada concello unhas normas distintas neste ámbito, temos que unificalas” e salienta que “se atendemos  á mobilidade que ten este tipo de turismo non ten sentido que un día, nun destino, teñan unhas normas e ao seguinte, cando se despracen a outro dentro da mesma comarca, estas varíen”. “Ademais de regular temos que facilitar as cousas”, afirma.

No Concello de Camariñas son conscientes do auxe que está a ter este modelo turístico no municipio en particular e na comarca en xeral polo que é necesario, por seguridade para todas as partes, regulalo pero sempre “con sentido e entre todos, para cousas como esta se creou a CMAT no seu momento e temos que aproveitar esta ferramenta”. 

Paralelamente á tramitación desta ordenanza, e para dar resposta á chegada de caravanas e autocaravanas, o Concello habilitou a zona de Area da Vila de xeito provisional á espera das iniciativas privadas que se van a tramitar. 

Ademais, Sandra Insua indicou que “ademais de regular as zonas de estacionamento municipais tamén lle vamos a solicitar a Portos de Galicia que ordene as que son da súa propiedade no noso territorio, xa que agora non o están a facer e, en cambio, si que cobra outras taxas pola ocupación do seu terreo, por exemplo para a instalación de terrazas ou dos postos das festas”.  

Máis novas