martes. 19.08.2025
El tiempo

Corcubión e Camariñas tamén sofren a falta de espazos e ordenanzas para as autocaravanas

Autocaravanas en Corcubion
O aparcamento disuasorio de Corcubión cheo de Autocaravanas
Corcubión e Camariñas tamén sofren a falta de espazos e ordenanzas para as autocaravanas

Non falla. Cada mes de agosto media comarca ten a mesma reflexión sobre as autocaravanas, pero en apenas dúas semanas, ninguén máis se volve acordar ata o ano que vén. Só o Concello de Fisterra, certo que é un dos máis afectados, lembrouse este inverno e sacou adiante unha ordenanza para ordenar, nunca mellor traído, o estacionamento desta clase de vehículos.

Vemos o que acontece cada ano en Nemiña, Muxía, un dos recunchos surfeiros máis atraíntes do noso país, onde as caravanas invaden absolutamente todo, mesmo zonas protexidas, sen ningún control.

Vemos o que pasa en Corcubión onde estes días xurdiu unha polémica pola conversión do aparcadoiro disuasorio de vehículos, terreo propiedade do Departamento de Demarcación de Costas situado na zona onde se unirá o paseo marítimo, nun aparcadoiro de autocaravanas. Este aparcadoiro foi creado polo Concello para dar cobertura ao inicio do control de acceso ao tráfico ao centro histórico, coa instalación de cámaras, pero claro, un espazo tan xeitoso, moitas veces baleiro, acaba sendo ocupado por esta clase de turismo, volvendo a demostrar que é necesario realizar unha ordenanza.

Realizar unha ordenanza e ofrecer espazos, áreas de estacionamento, que poden ser simplemente unha leira asfaltada cunha toma e auga e un sumidoiro. Non é que pidan moito. Xa se falamos dun lugar con vistas, a visita sería altamente recomendable, e fomentaría a súa volta, pero vemos que ata espazos menos atractivos teoricamente como a área habilitada polo Concello de Vimianzo detrás do campo de fútbol é moi demandada.

CARAVANAS area da vila camarinas
Caravanas na zona de  Area da Vila de Camariñas

A situación repítese tamén estes días en Camariñas, onde os dous grupos da oposición veñen de mandar sendos comunicados tras comprobar que a zona da Area da Vila está colapsando.
Por un lado o BNG camariñán levará a pleno a petición dunha “regulación para evitar prácticas incívicas”, así como “estacionamentos en lugares que non están habilitados para este tipo de vehículos”.

En paralelo, a portavoz do PP, Paula Mouzo Mas, presentou un escrito no rexistro municipal do Concello de Camariñas, emprazando ao goberno local a tomar medidas para ordenar a presencia de autocaravanas en diferentes puntos do concello como é a zona da Area da Vila ou Arou. Ademais, “en momentos de excaseza de auga e do chamamento ó uso moderado por parte das autoridades locais é necesario que esta conduta responsable e solidaria sexa extensiva a todos os que nos visitan”. Piden unha ordenanza.

Autocaravanas paradas no pleno Cabo Vilan
Autocaravanas paradas no pleno Cabo Vilan

Máis novas

Comentarios