Critican o “dispendio” que fai o Concello de Camariñas en Fitur

Volverá haber unha dispersa presenza da Costa da Morte en Fitur. Os camiños de Solpor por un lado, e despois numerosos concellos, cada un por cada lado, sen ofrecer unha imaxe única do noso destino, provocando a confusión entre os posibles touroperadores.
Ademais, moitos Concellos gastarán verdadeiras partidas económicas, como é o caso do Concello de Camariñas. Así o denuncia o BNG local, que critica o “dispendio” que fai o Concello en Fitur. O voceiro Xurxo Rodríguez aclara que “cremos que é necesario acudir a esta feira internacional para promocionar Camariñas e a súa Mostra do Encaixe, pero vemos desproporcionado o gasto que o Concello realiza para elo”.
Lembran que só o vídeo do ano pasado xa custou 15.000€ e non houbo unha análise do alcance conseguido, e que este ano volve haber un contrato pola mesma contía para un vídeo de 2 minutos.
Tamén estarán Vimianzo e Laxe levando conxuntamente os Penedos de Traba e Pasarela; o Concello de Carballo coa súa gastronomía; ou os Concellos de Vimianzo e Dumbría cos miradoiros MiraQVistas; o Concello de Muxía co seu percebe da Barca; entre outros.