Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Localizan dous canóns do século XVIII en Camariñas

A RLNE, por outra banda, estima de interese os restos de madeira e cinco canóns de dous posibles pecios na contorna do porto de Corme
canons descubertos RLNE En Vilan
Localizan dous canóns do século XVIII en Camariñas

Novo achádego submarino descuberto pola Real Liga Naval Española na zona do Cabo Vilán. O 5º nos últimos anos, segundo afirma Rafael Lema, que acompañou a un equipo da propia RLNE nas dúas visitas de inspección que realizaron preto da Punta do Corno, para definir a situación en que se atopan os restos alí depositados.

Tras estas inmersións, Lema confirma a existencia de dous canóns de bronce de pequeno calibre que “poden corresponder ao tipo culebrina ou canón pedrero que se instalaban nos custados das cubertas de navíos, das fragatas ou corvetas da Real Armada ou que facían o servizo de Correos de S. M. entre A Coruña e o Río da Prata no século XVIII”. O seu estado de conservación é bo e non se atopan nun lugar moi visible nin propenso a ser obxecto de espolio, polo que non queren desde a RLNE por agora dar as súas coordenadas.

En principio, a RLNE na Costa da Morte cre que dos cinco pecios de valor histórico que teñen inventariados neste curto tramo dous serían restos de fragatas dos Correos Marítimos. Neste lenzo costeiro perdeuse o correo A Cantabria en 1773 e varou o correo Pizarro en 1764, que puido ser reflotado. Outros barcos aos que podían corresponder algún dos restos dos outros pecios de Camariñas son o Nimphe de 1762, un corso holandés de 1739, e dous posibles galeones españois do século XVI.

A RLNE tamén localizou no seu día e deu a coñecer a existencia de dous canóns cerca deste novo pecio que foron retirados por un mergullador da Armada Española. Desde a entidade seguen sostendo, como no seu día fixaron, antes da extracción, que neste caso son pezas forxadas fóra de España, pertencentes a da fragata napolitana As Dúas Cathalinas ao servizo da Real Armada Española con soldados franceses repatriados do marqués de Lafayette, que participaran na Guerra de Independencia de EEUU, nave afundida o 18 de abril de 1783.

Pecio en Corme

A RLNE por outra banda estima de interese os restos de madeira e cinco canóns de dous posibles pecios na contorna do porto de Corme. Tras unha inspección destes materiais desde a RLNE apuntan de novo a que son do século XVIII, cando España era a segunda potencia naval do mundo e o porto coruñés estaba aberto ao tráfico americano.

Novas relacionadas

Comentarios