Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Loita encarnizada en Camariñas entre BNG e PSOE

Loita encarnizada en Camariñas entre BNG e PSOE

Semana tensa, moi tensa, en Camariñas arredor da vida política. BNG e PSOE veñen de entrar nunha loita de declaracións, con acusacións dende o fraude ao calumniadores. Pero a loita tamén inclúe actos, ou alomenos así o denuncia o BNG, que considera que o alcalde camariñán Manuel Valeriano Alonso de León, boicoteou este domingo o mitin do BNG na Casa da Pedra de Camariñas. Dende o BNG aseguran que non había cadeiras e denuncian que non é a primeira vez que se atopan cunha situación semellante, coma cando hai uns meses tiveron que esperar máis de unha hora pola chave do centro.

Problemática co voto emigrante

Se ben dende o BNG comarcal xa partiran unhas críticas pola "nova xeira de pucheirazos" co voto emigrante, a polémica desta semana en Camariñas nace por ese camiño.

O responsable local do BNG, Manuel Camiño, enviou unha queixa pública na que denuncia que "as últimas modificacións da Xunta Electoral que corrixiron o voto emigrante para que este fora rogado e individual, serve para abriur a porta ó fraude masivo dos residentes ausentes".
Foi máis aló Camiño denunciando que "Marisol Soneira está ausente buscando o voto emigrante alén dos mares", mentres denuncia que "PSOE e PP aprovéitanse da falla de garantías do voto emigrante".

Pero a crítica máis grave chega cando "lembra o BNG que aínda está sen aclarar o pago dunha viaxe a unha axente electoral socialista con fondos públicos, e o presunto uso fraudulento de subvencións para financiar este tipo de situacións, na que aparece implicada Marisol Soneira, como intermediaria da emigración e a axente electoral".

Resposta dende o PSOE

"O Bloque Nacionalista Galego de Camariñas, que como todo o mundo sabe non é unha forza política na que confíen os cidadáns, acaba de sumarse a confraría dos calumniadores. Ate o de agora esa triste condición viña exercéndoa a dereita cavernaria camariñana en exclusiva pero, polo que acabamos de constatar, o BNG ingresou nese selecto club". Así de taxante se amosa o PSOE camariñán ante a problemática.

"Os emigrantes españois, galegos e camariñáns, teñen perfecto dereito a que os partidos políticos lles dean conta do seu programa electoral e da cales son as propostas que, especificamente, levan para con eles é iso é que fai Marisol Soneira no nome do Partido Socialista Obrero Español", explican.

Pero dende o PSOE consideran que a acusación de "implicar a Soneira nun caso xudicial sen resolver" é "traspasar a liña, lexítima, da discrepancia e do debate político para entrar directamente na calumnia e na difamación". Chegan a desafiar a BNG ou outros partidos a que proben que Soneira está implicada en algún caso xudicial, ou que se desculpen publicamente.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios