Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Máis desfiles que nunca no programa da Mostra do Encaixe

PROGRAMACION Mostra Encaixe-Camarinas 2023
Máis desfiles que nunca no programa da Mostra do Encaixe

Esta pasada fin de semana deuse a coñecer o programa da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que terá lugar do 5 ao 9 de abril e que pretende reivindicar a influencia da súa pasarela de moda, a aplicación do encaixe como complemento na roupa e as paisaxes do municipio. Co lema ‘Camariñas está de moda’ esta edición redobla a aposta por destacar a tradición milenaria do encaixe de Camariñas como un elemento de moda que está á vangarda e que está a ser empregado por moitos dos deseñadores máis recoñecidos a nivel nacional. Para isto, a Mostra do Encaixe de Camariñas quere valerse dun marco incomparable como son as paisaxes fermosas e impoñentes das coas que conta o municipio.

Na liña dese lema, o departamento da Mostra programou máis desfiles ca nunca. Con 13 Grandes Deseñadores, algúns xa consolidados e outras novidades, 40 Noveis Deseñadores, 11 artesáns do Artencaixe, o novo desfile de ReEncaixando, as Delegacións Internacionais, o PequEncaixe, as Encaixeiras Sénior... 

Programa

A apertura da trixésimo segunda edición da Mostra terá lugar o mércores 5 ás 15 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 16:30 horas. Logo, a partir das 18 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do ‘PequEncaixe’ serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e a clausura correrá a cargo dos Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela o estreno das ‘Cancións Dance Camariñas’, unha iniciativa que será unha sorpresa para todas as persoas asistentes.
 
Durante os cinco días un total de 13 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’, que se irán desvelando nos próximos días, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Nesta edición dividiranse en grupos ‘A’ e ‘B’. 

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que pouco a pouco está a consolidarse na programación, estrearase o xoves, 6 de abril, ás 12:45 horas. Este ano son 11 os artesáns, que tamén se irán coñecendo nos próximos días, que chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. 

Ese mesmo xoves, 6 de abril, tamén debutarán as persoas participantes no XXIX Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 40 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Nesta edición estrease unha nova categoría, a da colección máis comercial. O venres 7 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 9, a partir das 19:30, horas darase a coñecer o fallo do xurado. 

Outra das novidades desta edición é o desfile ‘ReEncaixando’ no que volverá á Mostra as coleccións dalgúns dos participantes do concurso de Noveis Deseñadores da anterior edición, do ano 2022. Terá lugar o domingo 9 de abril ás 12:45 horas. 

O xoves 6 de abril tamén foi o día escollido para facer un desfile de homenaxe ás palilleiras (19:15 horas), encargadas de preservar coas súas mans a tradición do municipio, no que participarán o ArtEncaixe, os Grandes Deseñadores e o PequEncaixe.
 
Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O sábado 8  ás 19:15 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o domingo 9 ás 12:45 horas. 

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As 50 nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. 

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 17 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano. Ademais, este desfile terá un marcado carácter benéfico xa que se fai cunha colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro. 

Lopes, Touriñán e outras accións destacadas da programación

Este ano os asistentes poderán gozar da música do camariñán Lopes (o domingo 9 ás 21 horas como clausura da Mostra) e rirse a esgalla con Touriñán nun monólogo que terá lugar o sábado, 8 de abril, ás 20:30 horas na propia pasarela. 

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e  Asociación As Cansorriñas. Tamén o VI Encontro de Corais no que participarán a Coral Brisas do Mar de Corme, a Coral de Bergondo e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 9 ás 11:45 horas).

Aproveitarase o evento para a presentación de libros como ‘Devotos do destino, Alén do Vilán’ de Ainhoa Conde (xoves 6 de abril ás 12 horas), ‘Travesía del sentir’ de Ana de las Heras (venres 7 de abril ás 12 horas) e ‘El cementerio de los ingleses’ de Alfonso de Sas’. 

Durante toda a Mostra tamén haberá xornadas gastronómicas de pulpo e robaballo e demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.

A clausura da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 9 de abril ás 21:30 horas.

Outras novas do Encaixe

Comentarios