O nome de ‘Vicente Carril’ xa loce no campo de fútbol de Camariñas
O campo de fútbol de Camariñas xa ten novo nome. Desde este venres 3 de novembro pasa a chamarse ‘Campo Municipal Vicente Carril’, en homenaxe ao seu veciño e actual presidente do Camariñas CF, Vicente Carril Lema.
O letreiro coa nova nomenclatura da instalación xa foi colocado hoxe despois de aprobarse por unanimidade nun pleno extraordinario a proposta do goberno local, coordinada coa familia do homenaxeado, para bautizar o campo de fútbol co nome de Vicente Carril.
Os méritos de Vicente Carril son extensos. El é: presidente e fundador do Camariñas desde o ano 1977, do que tamén foi xogador cando o equipo non estaba federado; aos seus 91 anos de idade é o presidente máis lonxevo e aínda activo do fútbol galego e nacional; foi secretario da confraría de pescadores, director do Instituto Social da Mariña e axente de seguros do
mar; ocupou o cargo de Xuíz de Paz; foi presidente da comisión de festas do Carmen e presidente do Casino; un dos xerentes do Rialto, o primeiro cine do pobo; foi escollido Camariñán de Honra no ano 2022 e premiado pola Federación Galega de Fútbol no ano 2017 no apartado ‘Toda unha vida’.
Placa polos Irmáns Patiño
Non esquecerá o Concello de onde vén o campo, e o Concello colocará nas instalacións unha placa en agradecemento aos irmáns Patiño e á Igrexa pola cesión dos terreos en 1984: Alí poderase ler o seguinte texto: A Igrexa Parroquial de San Xurxo cede ao Camariñas C.F. o terreo denominado “As Galeras”, que lle pertence por herdanza de D.a Virginia Patiño Deschamps, sendo presidente D. Vicente Carril Lema. En agradecemento ás irmás Patiño e á Igrexa Parroquial de San Xurxo. Camariñas 2023.