Novo obradoiro dual de emprego compartido para Camariñas, Muxía e Vimianzo
Os Concellos de Vimianzo, Camariñas e Muxía, consguiron a concesión dun novo obradoiro de emprego, unha iniciativa que permitirá mellorar a cualificación profesional e favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas dos tres municipios.
O proxecto de obradoiro dual de emprego denominado “2026 CAMUVI FORESTAL” contará con 20 alumnos/as traballadores/as e terá unha duración de 9 meses, distribuídos nas especialidades formativas de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e montaxe de mobles e elementos de carpintaría.
O investimento global ascende a 501.552 euros.
O obradoiro será xestionado dende Concello de Vimianzo, combinando formación teórica e práctica, ofrecendo ás persoas participantes a oportunidade de adquirir experiencia profesional real mentres desenvolven actuacións de interese xeral para a veciñanza.
Nos vindeiros días, o Concello de Vimianzo iniciará os trámites correspondentes, incluíndo o proceso de selección do alumnado-traballador e do equipo técnico, coa previsión de que a iniciativa poida comezar nas próximas semanas.