O Comité de Stolt Sea Farm convoca unha folga para decembro

O Comité de empresa de Stolt Sea Farm celebrou esta pasada fin de semana unha asemblea de traballadores con motivo da comunicación individual que a empresa entregou a toda a plantilla para a "inaplicación do convenio de empresa".

Dende o Comité sinalan que a carta chegou tras un "novo intento de desbloquear a negociación" e critica que "a resposta por parte da dirección foi o comunicado individual e a ruptura das negociacións". Unha situación que leva á modificación das condicións laborais, que segundo o Comité implican "a presentación de demandas de conflito colectivo sobre vixencia de convenio e de modificacións sustanciais das condicións de traballo por non respectar as condicións contraactuais individuais de toda a plantilla".

Esta nova situación implica un recorte nas condicións laborais dado que o convenio de empresa, que levaba 25 anos vixente, melloraba as condicións do convenio estatal das piscifacorías. Aínda así a proposta da Dirección mellora ese convenio sectorial a nivel estatal.
A propia dirección cóntanos "a consecuencia do fin do convenio de empresa e a garantía de que os traballadores actuais non van perder ningún dos dereitos actuais co convenio sectorial: sóbenselles os salarios, páganse os atrasos e consérvanse todos os demais dereitos que tiñan co convenio de Empresa: pagos por fin de semana, bolsa de estudos, complemento de IT…", asegura a directiva.
Ademais, indican que "a negociación chegou a un punto de bloqueo porque o Comité esixe cousas como que non haxa despedimentos obxectivos na Empresa cando en 20 anos houbo tres".
En todo caso, lembran que "a Empresa propuxera o mantemento de todos os dereitos, unha pequena subida salarial, unha nova paga por beneficios e unha nova táboa salarial inferior de modo que os novos traballadores entrarían cobrando menos que até agora pero máis que co convenio sectorial".

Á folga

Toda esta situación provoca que a Asemblea de traballadores acordase a convocatoria dunha folga para mediados do mes de decembro, ademais das demandas xudiciais correspondentes para a defensa dos dereitos laborais.

Aseguran que "a folga é a única resposta que a empresa deixa os traballadores para o mantemento do convenio, o comité esta disposto até o último momento a sentarse, cando e donde queira a Dirección, para buscar unha saída negociada e evitar o conflito".

Novas relacionadas co convenio de Stolt

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).