Palilleiras de Camariñas participan na mostra internacional do encaixe de Peniche

Unha delegación de palilleiras de Camariñas participarán entre os días 22 e 24 de xullo na mostra internacional do encaixe que se celebra en Peniche - Portugal -. Ademais de expoñer os seus traballos, promocionarán o municipio como destino turístico e darán a coñecer a Mostra do Encaixe de Camariñas. Manuel Valeriano Alonso, alcalde de Camariñas, encabezará a delegación. Acompañarano dúas palilleiras representantes das asociación Rendas e As Puntillas que farán demostracións en vivo. Para o día 22 está previsto un encontro entre as delegacións de Camariñas, Peniche e Novedrate - Italia -, tres municipios irmandados polo encaixe. Na mostra está previsto que participen trinta delegacións internacionais. Por outra parte, unha representación do concello de Camariñas tamén acudirá no mes de setembro á feira do encaixe que se celebra anualmente en Novedrato, concretamente do 4 ao 11 de setembro. Días máis tarde, do 29 de setembro ao 1 de outubro, desprazaranse a México para asistir á nova edición de Termatalia. "É fundamental asistir a este tipo de eventos para a promoción das puntillas de Camariñas en todo o mundo xunto cos demais atractivos do municipio", asegura Sandra Ínsua - concelleira da Mostra do Encaixe -.

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)