Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Os problemas co marisqueo chegan tamén a Camariñas

FOTO BNG CAMARIÑAS MARISCADORESjpg
Os problemas co marisqueo chegan tamén a Camariñas

Coñecidos en toda Galicia son os problemas que está tendo este inverno a comarca de Arousa e zonas da Barbanza, como Noia, Porto do Son, e mesmo na ría de Muros e Noia... cos bivalvos.  Unha situación na que conflúen varios factores, como a falta de saneamento nas rías, o uso de herbicidas nos campos, a contaminación de zonas mineiras, a onda de calor deste verán ou a invasión de augas doces tralos últimos temporais 

Unha realidade  que tamén afecta ás mariscadoras de Camariñas, como comprobaron esta semana os membros do BNG, nunha reunión  coas mariscadoras da confraría de Camariñas. A deputada nacionalista Rosana Pérez e o deputado Daniel Pérez xunto co concelleiro do BNG en Camariñas Xurxo Rodríguez e a responsable local Ana Pasantes, escoitaron as demandas das profesionais e a levarán unha Proposicón non de lei e unha serie de preguntas ao Parlamento Galego.

As mariscadoras valoran a "situación alarmante de perda de produtividade da Ría de Camariñas". A situación de perda de produtividade das rías galegas e a baixada da produción de bivalvos é unha constante nos últimos 10 anos. En Camariñas a perda máis grave dase a partir de 2019, e malia os estudos realizados, non se consigue poñerlle remedio.
"A desaparición do berberecho e de ameixa babosa e a caída alarmante das outras especies fai que a situación da agrupación sexa moi preocupante", explican, o que afecta directamente ás máis de 50 persoas a pé e das 25 embarcacións a frote, que suman arredor doutras 50 persoas, que dispoñen de permiso para mariscar e das que só o fan ultimamente un número moi reducido.

"A Consellería do Mar do PP é coñecedora da situación e puxo en marcha un estudo no ano 2022 do que, polo de agora, non trasladou aínda as conclusións ao sector", asegura o BNG. "Tamén é sabedora da gran preocupación das mariscadoras e mariscadores que continúan a pagar o seu seguro e outros gastos sen obter ingresos dignos da súa actividade dende hai máis de catro
anos", explican.

A intención é manter eses máis que necesarios 100 postos de traballo, e para iso necesitan involucrar á Xunta para poder traballar as zonas dos bancos marisqueiros, preparalas para poder sementar coa chegada da primavera. "Para esas accións é fundamental a colaboración, e tamén o apoio, da propia Consellería, quen debera cubrir economicamente eses traballos, ademais de aportar a semente necesaria ou a dotación económica para mercala".

Así, o BNG presentará unha Proposición Non de Lei para que "a Xunta proporcione á Confraría de Camariñas a semente necesaria para repoboar e recuperar os seus bancos marisqueiros.
e cubrir economicamente de xeito urxente ás máis de cen persoas dependentes do marisqueo na Confraría de Camariñas para poder levar a cabo os traballos de rexeneración dos seus bancos marisqueiros e para recuperar a súa actividade e o nivel de ingresos que conleva.”

Comentarios