xoves. 17.04.2025
El tiempo

Silvia Lijó xa ten a súa rúa en Camariñas

Rua Silvia Lijo Camarinas
Silvia Lijó xa ten a súa rúa en Camariñas

O Concello de Camariñas estreou este sábado 15 de marzo, a rúa Silvia Lijó López, unha homenaxe á mestra que destacou durante toda a súa traxectoria polo seu compromiso coa educación, a igualdade de xénero e a integración social no municipio.

Ás 12 horas celebrouse un pleno extraordinario onde a corporación municipal aprobou por unanimidade o nomeamento da rúa que conduce ao IES Pedra da Aguia, centro no que desenvolveu gran parte da súa traxectoria como mestra guiando a moitas xeracións dende os anos 80.
Logo, ao remate do pleno, celebrouse un acto de homenaxe no IES Pedra da Aguia, no que estiveron presentes familiares e amigos da mestra, membros da corporación municipal e compañeiros e compañeiras seus do ámbito educativo. 

Alí, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “Silvia é unha muller que non só traballou polo ben da súa comunidade, senón que foi quen de abrir camiño, de facer pensar, de inspirar".

A rexedora lembrou ademais outras homenaxes como o pavillón a Victor Vigo, a sala do Museo do Encaixe a Raquel Moreira, o campo de fúrbol Vicente Carril, o nomeamento fillo predilecto a José Luis Blanco Campaña ou a dedicatoria dunha rúa ao exalcalde Bautista.

Silvia Lijo coa corporacion de Camarinas

Homenaxe a Carmen de Angustias

Continuando cos actos previstos polo 8M, Día Internacional da Muller, pola tarde levouse a cabo unha homenaxe a Carmen Tajes Rodríguez (1921- 2008), coñecida como ‘Carmen de Angustias’, que destacou ao longo da súa vida polo seu labor como auxiliar sanitaria no Concello de Camariñas.

A alcaldesa, acompañada da familia de Carmen, descubriu na casa da homenaxeada, en Camelle, unha placa conmemorativa na que se pon en valor a súa vida e a súa traxectoria, que a fixo converterse nunha excelente auxiliar sanitaria e curandeira desde os 23 anos.

Facía todo tipo de curas, poñía inxeccións, extraía moas, asistía en intervencións cirúrxicas e mesmo axudaba a preparar os falecidos. A xente pagáballe en función dos seus recursos: peixe, ovos e outros produtos do campo. Aquelas persoas con menos recursos axudábanlle no cultivo e na recollida das patacas.

Compaxinou o seu traballo sanitario con diversas ocupacións: foi barrenadora no porto, traballou na lonxa de Camelle preparando o peixe e tamén no secadoiro de congro. Ademais, dedicaba as noites ao encaixe.

Comentarios