luns. 02.03.2026
El tiempo

"Somos as mulleres que construímos Camariñas". A campaña do 8M en Camariñas

  • A iniciativa rende homenaxe á forza, ao traballo e ao compromiso diario das mulleres de todas as idades e profesións que fan posible a comunidade camariñá.
  • O alumnado dos CEIP O Areal e CEIP Ponte do Porto colaborará na creación dunha guía biográfica para rescatar as historias das mulleres referentes das súas vidas. 
Somos as mulleres que construímos Camariñas
"Somos as mulleres que construímos Camariñas". A campaña do 8M en Camariñas

O Concello de Camariñas vén de presentar a súa nova campaña institucional con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo), que este ano levará por lema “Somos as mulleres que construímos Camariñas”. O obxectivo principal desta iniciativa é celebrar e facer visible a forza e o valor das mulleres do municipio, rendendo unha merecida homenaxe a todas e cada unha das veciñas que, coa súa vida e traballo, fan posible o avance da comunidade.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, sinala que “a campaña busca representar a mulleres diferentes, de idades, historias e profesións diversas. Malia a súa pluralidade, todas elas están unidas por un fío común: a vontade inquebrantable de construír un lugar mellor, día a día, a través da responsabilidade, do coidado e da colaboración”.

Unha guía biográfica dende as aulas

Un dos piares centrais da programación deste 8M será a implicación directa das novas xeracións. Así, este ano contarase coa colaboración especial do alumnado dos últimos cursos de educación primaria dos CEIPs O Areal e Ponte do Porto.

Os nenos e nenas participarán na elaboración dunha guía biográfica centrada nas mulleres máis importantes das súas contornas: tías, avoas, curmás, nais, veciñas... Trátase, en moitos casos, de mulleres anónimas pero que xogan un papel fundamental nas familias e na vila, e cuxas historias merecen ser coñecidas, compartidas e recoñecidas publicamente.

A través deste traballo colectivo e interxeneracional, o Concello de Camariñas quere poñer en valor as múltiples formas que existen de construír comunidade, lembrando que a historia e o progreso de Camariñas tamén se escriben en feminino.

Comentarios