Martes. 16.04.2024
El tiempo

Unha pequena historia do servizo de Correos na Costa da Morte ata finais do século XIX

Unha pequena historia do servizo de Correos na Costa da Morte ata finais do século XIX
Carta selada dende Corcubion 1964 Carta selada dende Corcubión en 1864

“Se eu che soubera escribir e ti me souberas ler, cantas cousas che contara neniña, do meu querer”

                      Popular

A situación que describe a cantarea que encabeza este artigo foi unha triste realidade durante moitos anos. O proceso de alfabetización da poboación foi moi lento e a educación obrigatoria só atinxiu a todos os que estaban en idade de recibila a partir dos anos sesenta da centuria pasada.

Se nos retrotraemos ao século XIX, que é a secuencia temporal que hoxe nos interesa, unicamente unha escasísima minoría dos homes sabía ler e escribir e practicamente ningunha muller, polo menos no medio rural. Con este panorama pouca xente podía escribir ou recibir correspondencia. É verdade que calquera lugar ou parroquia podía contar con algún home que se prestara a escribir e ler as cartas que potencialmente podía enviar ou recibir a iletrada maioría, pero coido que era un favor que só se pedía en casos moi puntuais.

Quen podía utilizar os servizos de correos con regularidade no último terzo do século XIX na Costa de Morte ou noutras comarcas galegas eminentemente rurais?

Os organismos oficiais: o Concello, o Xulgado, o posto da Garda Civil se o había, e nas vilas portuarias, algunha delegación da administración periférica do estado e uns poucos comerciantes e industriais; os cregos parroquiais, os mestres das poucas escolas que había,  contadísimas familias con boa posición e deixa de contar. Xa moi de Pascuas en Ramos podía chegar e ser respondida algunha carta procedente do dilatado e diverso mundo da emigración ou dalgún acuartelamento no que estivera servindo ao rei algún quinto da bisbarra. Como podemos supoñer, misivas nas que os asuntos oficiais, profesionais ou de interese económico superarían amplamente aos afectivos, foran estes de amor, de amizade ou dos diversos graos da estima familiar.

Todo isto vén a conto porque estamos en posición de iluminar con algúns datos que fomos reunindo, unha pequena historia do servizo de correos ata finais do século XIX.

Aínda que o noso interese se centra nas últimas catro décadas da centuria referida, non nos resistimos a retrotraernos algo máis atrás para así ter unha perspectiva máis ampla desta complexa trama organizativa.

O servizo de correos con anterioridade á entronización dos Borbóns en España, no ano 1700, tiña como misión exclusiva o transporte da correspondencia oficial. Entre as reformas iniciadas pola nova dinastía estivo ampliar esta prestación a calquera particular que quixera utilizala, sempre que puidera pagala. Dicimos isto porque durante todo o XVIII e a primeira metade do século seguinte, o envío de correspondencia era bastante custoso para os particulares ao estar gravado cunha serie de impostos para pagar outras accións do estado, algo parecido ao que ocorre hoxe co tabaco.

Outro elemento que o encarecía era a ausencia dunha rede de camiños en bo estado que facilitara o seu transporte. Quizais unhas das principais prioridades de todo o século XVIII foi, precisamente, dotar ao estado destas infraestruturas imprescindibles para o desenvolvemento do territorio en tódolos eidos. No que atinxe a Galicia foi moi importante a realización do Camiño Real dende Madrid Á Coruña. Importantes tamén eran as vías secundarias, aínda que estas agás contadas excepcións, nunca abandonaron o máis penoso dos estados, como refiren a maioría dos cronistas da época.

Un destes camiños secundarios era o que unía Santiago de Compostela con Corcubión e Fisterra que, ademais de utilizalo os peregrinos e outros transeúntes, era a ruta que seguían os Correos que levaban e traían a correspondencia de Compostela a Corcubión. Esta actividade facíase a cabalo e cada uns 16 quilómetros había unha parada de postas onde os xinetes intercambiaban os cabalos cansados por outros de refresco. Estas paradas tamén funcionaban como oficinas de correos, naquel tempo chamadas “caxas”. No ano 1779 había 325 “caxas” en todo o territorio español. Un número moi insuficiente para unha recepción e distribución correcta e equilibrada das mensaxes escritas.

Por referencias documentais sabemos que o traxecto de ida e volta de Santiago a Corcubión, pasando pola Ponteolveira, facíano cada catro días, sempre que non atoparan enchentes que os retiveran nas pontes existentes no percorrido. Manuel Ruibal Casais (Muradán de Insua - Mazaricos), un traballador de correos hoxe falecido e coñecedor de moitas historias de transmisión oral, cotoume en relación a este camiño, que na casa do Taberneiro de Lago (parroquia de Mazaricos) houbera unha destas paradas de postas. E aínda que non atopei, por agora, ningún documento que o corrobore, póñoo aquí porque me parece bastante crible.

Os custos dos envíos da correspondencia eran sufragados polos destinatarios ata a instauración do selo de correos no período 1850/1856, na primeira data de forma voluntaria, e xa obrigatoria na segunda.

A partir de 1756 apareceu a figura do carteiro urbano, que recollía as cartas nas oficinas postais e as repartía a domicilio. Este novo empregado que terá un longo percorrido, non era funcionario do estado. Os seus servizos eran satisfeitos polos destinatarios da correspondencia que estaban obrigados a pagar, a maiores do custo do envío, un cuarto de real como compensación do traballo do repartidor. Esta medida, durante esta centuria e parte da seguinte, só afectou ás cidades. No resto das “caxas”  o encargado elaboraba periodicamente unha lista cos destinatarios da correspondencia, expoñéndoa no exterior da oficina onde podían consultala os posibles receptores.

A partir de 1833, a medida que foi consolidándose o novo estado liberal, o servizo de correos pasou a ser considerado unha prestación pública que polo seu prezo debía estar ao alcance da maioría, que tiña que ser áxil e eficiente e cubrir todo o territorio estatal. Estas medidas non se lograron dun día para o outro, avanzaron progresivamente, aínda que de maneira bastante lenta.

Onde os camiños o permitiron foron substituídos os xinetes a cabalo por dilixencias que, ademais de levar pasaxeiros, podían transportar un maior número de correspondencia entre a que era factible incluír paquetes de considerable volume.

Neste proceso de socialización das prestacións ofrecidas polo servizo tamén se implantaron os carteiros “verederos” que, a pé ou a cabalo, levaban a correspondencia dende os pobos que contaban con estafeta aos que non a posuían e tiñan certa importancia poboacional.

No ano 1841 o servizo de correos amplía as súas prestacións coa creación do xiro postal, que permitía o envío de diñeiro dunha parte a outra do territorio.

Pero todo este mundo de xinetes, dilixencias e carteiros “verederos”, aínda que seguiron gozando dunha longa vixencia nas zonas máis apartadas das grandes vías de comunicación, ían sufrir un drástico recorte coa chegada nun novo medio de transporte que revolucionaría todo o sistema. Refírome ao tren. A partir dos anos centrais do século XIX e durante todo o terceiro cuarto do mesmo, a expansión do ferrocarril foi imparable, unindo as capitais máis importantes do estado. Co tren chegaron as oficinas ambulantes que formaban parte do convoi e nas que se recibía, clasificaba e distribuía o correo por tódalas estacións polas que pasaban. Aínda que temos que dicir que Galicia non estivo unida con Madrid por ferrocarril ata a tardía data de 1883, retrasándose no noso Pais, non só a celeridade do servizo postal, senón outras moitas medidas de progreso unidas a unha boa rede de comunicacións.

Despois deste apresurado resumo dos inicios do actual sistema de correos, imos centrar a nosa atención nas últimas catro décadas do século XIX, nas que se produciron importantes cambios que afectaron moi positivamente a eficacia deste servizo.

Un pouco antes deste límite cronolóxico que nos impuxemos, no ano 1857, o estado aprobou un plan para o establecemento do correo diario en tódolos axuntamentos de España. Esta importante medida será implantada na provincia da Coruña en 1863. Data que suporá un antes e un despois no organigrama de recollida e distribución do correo na nosa provincia. Para achegarnos a este período e aos cambios que supuxo esta medida, valereime dun folletiño que resume diferentes datos estatísticos da citada provincia editado en 1863, e que forma parte do meu arquivo persoal.

Selos antigos de Muros Cee Camarinas Corcubion 1964 Selos de Muros, Cee Camariñas e Corcubión de distintos momentos do século XIX Selo de Correos de Mazaricos de 1864 Selo de Correos de Mazaricos de 1882

Con anterioridade ao ano 1863 era moi baixo o número de estafetas, 44 en toda a demarcación territorial coruñesa, coa obrigación de achegar o correo ás 935 parroquias que a compuñan. Na zona máis occidental da provincia, contaban con este servizo as localidades de Noia, Muros, Corcubión, Zas, Vimianzo, Muxía, Laxe, Camariñas, Laracha e Carballo. Dende estas oficinas postais, seguindo criterios de distancia ou dunha máis axeitada operatividade das liñas de distribución, recollíase e repartíase o correo a tódalas parroquias que tiñan ao seo redor, algunhas a máis de 20 km. Seguindo este criterio podemos poñer dous exemplos. No Concello de Mazaricos as parroquias de Alborés, Antes, Chacín, Eirón. Entíns, Maroñas e Mazaricos recibían a correspondencia dende a estafeta de Noia. Ás freguesías de Arcos, Beba, Coiro, Corzón e Vaos chegáballes dende a sucursal de Muros. Se tomamos como referencia a estafeta de Corcubión, dende este despacho postal repartíase o correo a 20 parroquias: Ameixenda, Berdeogas, Brens, Buxantes, Cee, Codesos, Corcubión, Dumbría, San Martiño de Duio, San Vicente de Duio, Ézaro, Fisterra, Lires, Olveira, Olveiroa, Pereiriña, Redonda, Salgueiros, Sardiñeiro e Toba.

Como dixen nas primeiras liñas, o volume da correspondencia debía ser escaso e, supomos, que a irían adiando ata que xuntaran un número axeitado de misivas para repartir e, de paso, recoller as que houbera que remitir a outras latitudes. Por suposto este reparto non era a domicilio, senón que o deixaban nalgunha taberna ou casa determinada a onde se dirixían os paisanos para comprobar se había carta para eles. Este modelo de distribución, pese as reformas posteriores, estivo vixente ata ben avanzado o século XX.

Se esta era a situación con anterioridade a 1863, a partir deste ano cada axuntamento contará coa súa propia oficina de correos. Debido a esta aproximación do servizo aos posibles usuarios, moitas estafetas da nosa zona que tiñan carácter supramunicipal (Zas, Vimianzo, Muxía, Laxe, Laracha e Camariñas) pasaron a atender unicamente os seus respectivos concellos. Pola contra, as de Noia, Muros, Corcubión e Carballo, ademais de dar servizo aos seus territorios municipais, servían de enlace entre as oficinas de primeira orde, como A Coruña ou Santiago, e o resto das sucursais postais da zona. Así temos que o Concello de Mazaricos recibía a correspondencia dende a oficina de enlace de Noia. Aínda que esta situación non debeu prolongarse moito no tempo pois, xa dende finais do XIX, Mazaricos estivo enmarcado dentro do territorio servido pola estafeta de Muros. Se igual que antes de 1863, volvemos ao exemplo da sucursal de Corcubión, dende a mesma recibían o correo as “carterías” de Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas.

Para rematar este artigo, coma sempre, demasiado longo, unicamente nos queda precisar que as oficinas municipais situáronse maioritariamente nas capitais dos Concellos.

Ilustramos o texto con algúns selos do século XIX franqueados en diferentes estafetas da zona. Nalgúns casos incluso se conservan os sobres nos que están estampados.

Cartasobre sin selo de Muros anterior a 1850 
  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Artigos relacionados

https://quepasanacosta.gal/o-proceso-de-creacion-dos-concellos-actuais-alguns-exemplos-da-costa-da-morte/

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios