Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Violíns nocturnos para homenaxear o naufraxio do Serpent

Violíns nocturnos para homenaxear o naufraxio do Serpent
Rafael Lema lendo o escrito de Juan Campos na Homenaxe ao Serpent no Cemiterio dos Ingleses

En plena noite, e no medio da natureza, onde mar e monte se unen, cada ano dende xa hai 4, celébrase unha fermosa e emotiva homenaxe. Xa van 122 que o buque inglés Serpent, naufragaba na Punta do Boi, preto do Cabo Vilán en Camariñas. Un accidente que lle costaba a vida a 173 ingleses, e do que só salvaron 3 mariñeiros.
A resposta da veciñanza camariñá naquel 1890 fixo merecedora de ducias de presentes da realeza británica. Unha das cousas que máis valoraron dende aló foi a rápida construción do Cemiterio dos Ingleses, lugar hoxe de culto para milleiros de turistas europeos, e que a pasada noite do sábado 10 de novembro acollía mística homenaxe.

Ducias de persoas achegábanse ás 22:30h, hora do naufraxio, ata o mesmo cemiterio. A escuridade era a protagonista, pero os corazóns, e os violíns, iluminaron o acto.
Este ano a presencia literaria, que habitualmente copaba Juan Campos Calvo Sotelo, foi reemprazada por Rafael Lema, unha vez que o escritor santiagués non puido achegarse. Pero así e todo, deixou redactado un escrito para que Lema procedese á súa lectura, coa presencia do alcalde camariñán Manuel Valeriano Alonso, Pichurri, e a concelleira Mari Carmen Linares, de outro dos grandes valuartes, xunto a Campos, deste acto, o laxense José Manuel Pato Gonzalez, Delegado en Galicia e Director Nacional da Área de Pesca da Real Liga Naval Española.

Ofrenda floral na Homenaxe ao Serpent no Cemiterio dos Ingleses

Trala sentida lectura por parte de Rafael Lema, e a ofrenda floral, Antonio Rumbo Vidal colleu o violín para poñer os pelos de punta aos asistentes co seu violín. A memoria dos finados invadíu cada alma, igual que cando cantaron as mulleres do “Coro Municipal de Abrandares de Camariñas”, que prestaron as súas voces neste acontecemento.

Aquí vos deixamos cun vídeo de Rumbo Vidal, para que comprobedes a emotividade do momento.

Novas relacionadas

Recunchos da Costa

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios