Xaviña recupera as súas festas 7 anos despois
Con alegría anuncia a Comisión de Festas de Xaviña que, tras 7 anos de silencio, volven as orquestras á parroquia camariñá. Os Jonatan, Silvia, Laura, Belinda, Fátima e Elvis, xa levan meses facendo actividades para recadar fondos para preparar unhas festas espectaculares, como un partido de solteiros contra casados, ou o merchandising, que merece anteción especial.
Ollo ás camisetas “Eu son Palilleira” ou a fermosa bolsa de tela do triunvirato Vilán-Reira-Trece. Ou a ese chavero artesanal do Faro Vilán e esa taza da caramiña cos debuxos de Belinda; ou esa camiseta cos lugares máis auténticos da parroquia.
Cómpre apuntar que forman a A.C. Regho dos Cuiros, nome que sae dunha das praíñas segredas de Xaviña (sita ao remate da praia de Ariño, tamén é coñecida como a praia da Ballena), onde a maioría deles pasan longas tardes de verán.
As primeiras festas, polo San Blas
As primeiras festas en marcha son as de San Blas, que traerán os vindeiros 3 e 4 de febreiro a orquestras como Fuego ou a esperada Olympus.
Pero a cousa non parará aí, e haberá troula tamén o 6 de abril, para recadar fondos para as Festas do Sacramento (26 de xullo) e a Nosa Señora os 14 e 15 de agosto.