O 32º FIOT homenaxea ao Xestal coa estrea absoluta de "Apaga o candil"
Avanza a 32ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o #FIOT32, e faino cunha homenaxe á figura de Carlos Díaz ‘O Xestal’, protagonista este ano de todo o que acontece en Carballo. O FIOT recorda ao creador coa estrea absoluta, esta fin de semana, do espectáculo Apaga o candil. A peza, coproducida por Contraproducións e o propio FIOT, está dirixida por Cándido Pazó e protagonizada por Avelino González e Toni Salgado. Apaga o candil poderase ver no Pazo da Cultura de Carballo o venres 6 de outubro, ás 21.00 horas, e o sábado 7, ás 20.30 horas. As últimas entradas dispoñibles para as funcións pódense adquirir a través da plataforma en liña Ataquilla.com.
Onte tivo lugar a presentación á prensa desta estrea absoluta. Tal e como salientou Alberto Sueiro, este espectáculo “é un proxecto longamente acariñado polo festival, pois consideramos necesario reivindicar a figura deste carballés de adopción pioneiro da narración oral”, con eses contos humorísticos tan retranqueiros e tan galegos.
Alén da súa presenza do Programa de Sala, o espectáculo forma parte tamén da programación do FIOTeen -a liña de programación do FIOT adicada á mocidade-, de xeito que contará cunha preestrea, con público dos centros de ensinanza de Carballo, que terá lugar este mércores, 4 de outubro, ás 11.00h, no mesmo escenario do Pazo da Cultura. Ademais, ao remate da función do venres 6 de outubro, farase entrega do Premio do Público FIOT 2022 á compañía Contraproducións polo espectáculo Cigarreiras.
Apaga o candil contará, logo do seu paso polo Pazo da Cultura, cunha xira por Galicia e, grazas á colaboración do Centro Dramátigo Galego (CDG), tanto nas funcións de Carballo como nas seguintes, o espectáculo irá acompañado da tradución á lingua de signos a través dun vídeo inclusivo.
AXENDA DA FINDE
Dúas estreas absolutas, a emisión en directo de ‘No es un día cualquiera’, a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ e un roteiro, protagonistas na segunda fin de semana do FIOT.
Venres 6, 21.00 horas * | Pazo da Cultura
Programa de Sala: estrea absoluta de Apaga o candil.
*Ao remate, entregarase o Premio do Público do FIOT 2022 a Contraproducións por Cigarreiras.
Sábado 7, de 08.30 a 13.30 horas | Pazo da Cultura
Emisión ao vivo de No es un día cualquiera, con Pepa Fernández.
Sábado 7, 17.00 horas | Café Dubra
Escola do espectador nas ondas.
Con Marta Otero, Cándido Pazó, Xohán Xabier Baldomir Cabanas e Xurxo Souto.
Sábado 7, 20.30 horas | Pazo da Cultura
Programa de Sala: Apaga o candil.
Domingo 8, de 08.30 a 13.30 horas | Pazo da Cultura
Emisión ao vivo de No es un día cualquiera, con Pepa Fernández.
Domingo 8, a partir das 09.30 horas | Saídas desde Laracha, Coristanco e Carballo
Ruta do Xestal. Roteiro teatralizado pola Aula Municipal do Concello de Carballo.
Domingo 8, 20.30 horas | Mercado municipal
Rúa dos Contos: estrea absoluta de Tres vellas na romería.