ADEGA achégase este sábado en Carballo para celebrar a súa 44ª Asemblea Xeral e premiar a Senda Nova
O Forum de Carballo acolle este sábado a 44ª Asemblea da Asociación Ecoloxista ADEGA. Unha cita que servirá para entrear os premios anuais, entre os que se atopa o prestixioso Premio Osíxeno para a Asociación Senda Nova.
O sábado pola mañá será a Asemblea Ordinaria, co informe de contas, balanzo de actuacións e propostas para o novo curso. Na sesión da tarde, tras un xantar 100% vegano-ecolóxico nas instalacións do Fórum, ADEGA trasladará entre os seus socios e socias o debate sobre a cuestión da transición ecolóxica dened 3 focos: a enerxético-industrial, a rural-urbana e dos residuos ou da economía circular. Tamén se aprobarán as propostas de resolución que sexan achegadas polas socias e socios.
A partir das 20:00h, no Restaurante Río Sil terá lugar a Cea de confraternización da 44ª Asemblea Xeral, na que a entidade ecoloxista fará entrega dos Premios Osíxeno e Dioxina que recoñecen, respectivamente, as mellores e peores actuacións ou actitudes (individuais e colectivas).
Visita guiada pola Costa Razo-Baldaio
Os actos estenderanse ata a mañá do domingo 1 de marzo, cunha visita guiada á costa de Razo-Baldaio, que incluirá a entrada ao Espazo da Natureza de Oza, de posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico da zona. A visita estará aberta ao público xeral, pero será preciso inscribirse previamente para poder participar en: [email protected], 981570099.