ADEGA estrea en Carballo a exposición dos seus "50 anos coidando a terra"

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugura este xoves, 31 de xullo, ás 13:00 horas, na Praza do Concello de Carballo, a exposición que conmemora o 50 aniversario da asociación ecoloxista máis lonxeva e senlleira do país.
Trátase dunha exposición exterior chamada "50 anos coidando a terra", que percorrerá ao longo dos vindeiros meses distintas vilas e cidades de Galicia. Carballo será a primeira en recibir os 16 paneis, que conta co apoio financeiro da Deputación da Coruña.
No acto de inauguración, que incluirá unha visita guiada aberta, intervirán Rosa Ana García López, responsable das áreas de industria, emprego, política demográfica e medio ambiente, da Deputación da Coruña; Belén Lendoiro, tenente de alcalde do Concello de Carballo, e María R. Lafuente, membro da Directiva de ADEGA, entre outras persoas asistentes.