luns. 09.03.2026
El tiempo

Aprobada a demolición do antigo edificio da Cámara Agraria en Carballo

Aprobada a orde de demolicion da Camara Agraria de Carballo
Aprobada a demolición do antigo edificio da Cámara Agraria en Carballo

A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou na sesión deste luns a licenza urbanística para a demolición do edificio da antiga cámara agraria, situado na avenida da Milagrosa. A actuación está promovida pola Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

O inmoble, construído arredor do ano 1958 e actualmente en desuso, consta de planta baixa e dúas plantas superiores. A superficie construída total supera os 300 metros cadrados e o volume estimado de demolición é de aproximadamente 1.105 metros cúbicos.

O proxecto técnico de demolición conta cos informes técnicos e xurídicos municipais favorables. Ademais, dispón da autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, ao atoparse o edificio na contorna de protección dun ben catalogado.

Segundo o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, os traballos deberán iniciarse nun prazo máximo de 3 meses desde a notificación da licenza e terán un prazo máximo de execución de 2 anos.

Aprobadas varias licenzas urbanísticas

Na sesión deste luns tamén saíron adiante outras licenzas urbanísticas para diferentes actuacións no municipio. Entre elas figura a instalación dun ascensor nun edificio residencial da rúa Valle Inclán, cun orzamento de 44.523,41 euros para mellorar a accesibilidade; a construción dunha vivenda unifamiliar nas Encrucilladas, na parroquia de Oza, nunha parcela de 939 metros cadrados e cun orzamento de 192.092,16 euros; e a construción dunha nave industrial destinada a taller de carpintería metálica no parque empresarial de Bértoa, cun investimento previsto de 1.122.853,68 euros. 

Tamén se autorizou a ampliación dunha nave industrial dedicada á ensamblaxe e almacenaxe de portas e venda de ferraxería no mesmo parque empresarial; a construción dunha nave para a xestión e tratamento de residuos de poliestireno en Queo de Arriba (Bértoa), cun orzamento de 339.786 euros, e a realización de obras para un restaurante provisional en Monte Peados, na parroquia de Razo, nunha edificación desmontable dunha planta de arredor de 164 metros cadrados con terraza exterior.

Comentarios