Así son os novos murais que enchen a Carballo de máis cor
Onte rematou a quinta edición do Rexenera Fest, festival de arte urbana que transformou seis medianeiras da vila carballesa en auténticas obras de arte.
Pouco menos de dúas semanas tardaron os artistas escollidos para a quinta edición do festival Rexenera Fest en plasmar as súas creacións nos muros e paredes da capital de Bergantiños. De diferentes estilos, técnicas e tamaños, estes novos traballos súmanse aos pintados nas pasadas edicións, así como aos murais do proxecto incial Derrubando Muros con Pintura, para roldar xa as 100 obras en total.
A loita contra o patriarcado, a infancia roubada, a alegría e o postivismo da terceira idade, a importancia da comunicación verbal entre as persoas… son algún dos temas que protagonizan os deseños que xa locen para sempre nas rúas de Carballo. E todos cun denominador común: a particular maneira de proxectar e pensar o mundo que teñen cada un dos creadores que interviron nesta iniciativa.
Millo (Italia), na rúa Poñente
O pintor italiano trouxo a Carballo unha proposta moi en sintonía coa súa obra de cidades en branco e negro. Os protagonistas son dous adultos con cara de nenos que portan un faro e barco tradicionais galegos. O mural fai reflexionar, así, sobre a importancia da comunicación e socialización das persoas.
Satr (China), avenida da Cristina
O significado da obra desta xove muralista chinesa, que adoita representar animais en perigo de extinción, vai conectado coa súa propia forma de pintar: espontánea e capa sobre capa. Neste caso, plasmou un tigre salvaxe.
Pichiavo (Valencia), rúa Luis Calvo
Os valencianos empregaron a parede de maior extensión deste ano e de todo o festival. Nela deixaron pegada do seu habitual diálogo entre a arte clásica e a contemporánea, na que prima o pintado por capas así coma o diálogo coa xente que se achega a observar a obra.
Milu Correch (Arxentina), Fórum
A muralista arxentina xa estivo na pasada edición do Rexenera, ao que volveu para pintar a obra que tiña pensado facer o ano pasado pero que foi vetada polos donos da medianeira. Nunha parede de propiedade pública para evitar, así, controversias , Milu optou por unha mensaxe potente que consiste nun berro, a través das súas cores, ao empoderamento feminino.
Lidia Cao (Ordes), rúa Vila de Negreira
Cun diseño no que prevalecen as tonalidades azuis e violetas, a ilustradora galega Lidia Cao, a representación galega deste ano no festival, quixo representar a fin da infancia, ese punto crítico da educación dos pais que inflúe sobre todo nos nenos da casa.
Marina Capdevila (Barcelona), avenida de Bergantiños
Esta pintora catalana adoita empregar figuras de idade nas súas creacións. Neste caso, as protagonistas do seu mural son tres avoas carballesas que aparecen bañándose nas augas termais. Unha homenaxe ao Carballo dos anos 80, así como á alegría e á positividade da vellez.