Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Axuda no fogar garantida en Carballo para os próximos 4 anos

Axuda no fogar garantida en Carballo para os próximos 4 anos
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou este xoves o contrato do servizo de axuda no fogar coa empresa Servizos Sociais Ulla-Sar, nun acto no que tamén estivo presente a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures. O Concello carballes conta cun equipo propio de 14 persoas, polo que a función principal da empresa adxudicataria é cubrir baixas, vacacións e fins de semana. Firma Asistencia Social Carballo Momento da firma do contrato O contrato ten un importe de 2,6 millóns de euros para un período de catro anos, con posibilidade de dous anos máis de prórroga. Trátase dunha cantidade estimada, tendo en conta, por un lado, o número de horas e os días en que se prestan, e, por outro, os prezos por hora ofrecidos pola empresa. Deste xeito, cada hora de atención a dependentes custaralle a capital de Bergantiños 13,15 euros de luns a sábado e 15,40 os domingos e festivos, mentres que o prezo das horas de libre concorrencia será de 12,40 euros de luns a sábado. A maiores, Servizos Sociais Ulla-Sar ofrece unha serie de prestacións complementarias sen custe adicional: 650 sesións anuais de fisioterapia, 450 de podoloxía, 100 de logopedia a domicilio, 450 de asistencia psicolóxica...etc. O servicio ofrece temen unha serie de axudas técnicas con carácter anual (4 camas articuladas, 4 grúas de mobilidade persoal, 4 colchóns antiescaras, 4 cadeiras de ducha-baño, 2 cadeiras de rodas, 1 par de muletas e un andador). O servizo de axuda no fogar ten arredor de 130 usuarios e usuarias. A Concellería de Igualdade e Benestar está á espera de que a Xunta de Galicia atenda a última petición de horas realizada, un total de 8.400 que permitirían atender a outras 10 persoas, aproximadamente. O obxectivo do servizo é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e precisan algún tipo de apoio para a realización de tarefas básicas da vida diaria. Deste xeito, o servizo municipal ofrécelles un conxunto de intervencións profesionais, de carácter preventivo, rehabilitador e asistencial, planificadas, coordinadas e supervisadas polo persoal técnico designado dos servizos sociais de atención primaria e desenvolvidas por persoal cualificado. Ao mesmo tempo, desde o departamento municipal estase a mellorarse  o equipamento e as axudas técnicas tanto para os usuarios como para as traballadoras do servizo. Por exemplo, no ano 2017 foron adquiridas 3 camas articuladas e 2 grúas que se ceden de maneira gratuíta aos usuarios/as que o precisan.

Comentarios