Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O BNG carballés pide á Xunta a rehabilitación do esquecido Refuxio de Bértoa

Refuxio Bertoa Carballo abandonado
O BNG carballés pide á Xunta a rehabilitación do esquecido Refuxio de Bértoa

Situado na ribeira do río Anllóns, o Refuxio de Bértoa, foi concebido como refuxio de pescadores antes de converterse nun punto de encontro das familias carballesas durante a época estival. “Un deses espazos que, xunto co Bosque do Añón, gardan un especial significado para varias xeracións de carballesas e carballeses”, lembra o deputado do BNG carballés Daniel Pérez.

Pero o seu estado de abandono é total, de aí que o BNG veña de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias relacionadas coa súa rehabilitación. Lembran á Consellería de Medio Ambiente, titular do espazo, que a finais dos anos 90 proxectouse o acondicionamento das instalacións e a mellora da integración do edificio do refuxio de pescadores no entorno, mais finalmente ficou esquecido ese proxecto. Anos máis tarde, unha iniciativa aprobada no pleno do Concello de Carballo acordaba demandar da Concellería de Medio Ambiente, responsable da xestión do Refuxio de Bértoa, unha actuación para a recuperación do enclave e a sinatura de un convenio coa Xunta para que o Concello puidese usalo. Tampouco foi posible.

A beleza do espazo, a súa localización privilexiada, a sempre desexable ampliación e diversificación da oferta lúdica e mesmo turística do concello, xunto co especial pouso identitario do Refuxio de Bértoa para Carballo, aconsellan recuperalo para o seu uso por locais e visitantes. E por iso o BNG insta á Xunta de Galiza a acondicionalo antes da época estival, a incluír unha partida nos orzamentos do 2025 para actuar no edificio coa finalidade de integralo no entorno e poder recuperar o uso público da paraxe, e a acordar co Concello de Carballo a sinatura dun convenio de uso que permita, a partir do seu acondicionamento, que sexa xestionado pola Administración local.

Comentarios