Os Bombeiros volven ás rúas cunha nova manifestación en Carballo
Parecían os asuntos laborais algo máis relaxados despois de que en marzo deste mesmo ano se chegase a un acordo entre Bombeiros comarcais e administracións tras dous anos de mobilizacións. Pero a cousa non está tan calmada, como se pode comprobar coa nova convocatoria de manifestación que veñen de lanzar en Carballo.
A través dos sindicatos UGT, CCOO; CIG, CSIF e Sibgal, os Bombeiros comarcais de Galicia convocaron unha manifestación para o vindeiro xoves, día 4 de decembro, ás 11:30h, para mostrar a súa repulsa pola "nefasta xestión" da xerencia do Consorcio Provincial Containcendios da Coruña, formado pola Deputación da Coruña e a Xunta.
Nun comunicado, os Comités de Empresa dos 4 Consorcios Provinciais queren demostrar a unión do colectivo deixando claro que “non imos permitir que xoguen cos postos de traballo dos nosos compañeiros aprobando unhas bases totalmente inadecuadas, sen fundamento e ilóxicas desaproveitando e non valorando a experiencia profesional adquirida por estes profesionais”.
Denuncian “unhas condicións de traballo nefastas para os seus traballadores”, así como “incumprimentos do Convenio Colectivo firmado escasos 6 meses, a incapacidade manifesta para resolver os problemas do servizo en temas de Prevención de Riscos Laborais e un longo etc”.
Así mesmo, esixen “a urxencia de contratación das prazas acordadas na Desconvocatoria de Folga do pasado febreiro do 2.024 cunhas Bases acordes ao que se pretende para garantir a incorporación de todo o persoal necesario para atender as demandas reais dos servizos”.


