Os Bombeiros amosan a súa frustración ante a precariedade dos seus medios
Van xa 6 meses dende que o Consorcio e os Bombeiros chegaron a un acordo que puxo fin a moitos meses de protestas e manifestacións, pero que aínda non se materializou nunha sinatura total do acordo. Mentres, a solución segue sen chegar aos Parques de Bombeiros comarcais.
Volven ter que pechar días concretos por falta de persoal e o material segue a ser o mesmo de hai décadas. Ante esta situación, os Bombeiros adscritos o Parque Comarcal de Cee - Costa da Morte lanzan un comunicado, coa palabra “Frustración” como principal argumento, despois do intento errado de chegar ata o Monte Pindo nunha operación de rescate.
Sobre os vehículos, sinalan que están “obsoletos” e que a “precariedade” é maxima. “Ir a unha emerxencia no Monte Pindo, ¡¡tendo en conta que por fin nos reclaman como medios de intervención!!, resulta moi triste ir con un vehículo Pick Up recién saído do taller (unha vez máis de tantas), nos deixe tirados na primeira pista de acceso, non podendo chegar o punto máis elevado en todoterreo para desde alí desprazarnos ata o punto onde se atopaba o sendeirista que finalmente tivo que ser evacuado polo helicóptero do Pesca”, lamentan.
Sinalan que o seu “BUL (vehículo coa máxima equipación) ten a dirección tirando para onde lle cadre. Seica temos que facer máis pesas para contrarrestar a inercia do fallo”. Lembran que “fai un mes poidemos ver os compañeiros do Parque de Santa Comba a un rescate no río Tambre en Negreira en calzoncillos”.
”Só nos queda esperar a que Discovery Max faga un programa de EMERXENCIA EN PELOTAS”, sinalan con retranca, deixando claro que arrasarían, botando as culpas aos 3 partidos políticos.