A calidade, signo de identidade do Xiria Pop
- O abono para os concertos nocturnos é de 20 euros, e pode adquirirse de xeito anticipado aquí. O resto das actividades serán de balde.
Nada mellor que pechar o verán musiqueiro en Bergantiños que gozando do Xiriapop. O festival carballés celebrará do 19 ao 21 de setembro a súa 27ª edición, coa calidade como signo de identidade e volvendo facer do Casino1889 o seu punto de referencia.
O punto forte, como destaca o armadanzas Xabier Graña, é a chegada de The Stems, grupo australiano mítico do garaxe dos 80, pero esta edición tamén ten como novidade unha exposición de fotografía e dúas presentacións literarias.
Polo Casino1889, que renova un ano máis a súa colaboración como sede do XiriaPop, pasará unha boa representación galega, estatal e internacional de grupos alternativos. Así, poderemos escoitar a Pablo Leira (Ferrol), Lunamotos (Cedeira), The Bo Derek’s (Vigo), Carolina Otero & The Someone Elses (Valencia), Pablo Solo (Cantabria), Eh, Mertxe! (País Vasco), Holiday Ghosts (Brighton-Inglaterra), que tocarán por primeira vez en Galicia, e The Stems (Perth-Australia).
Lembra Xabier que Don Mariani, alma dos Stems, xa estivo o ano pasado en Carballo con outra das súas bandas. “O tio debeu quedar tan encantado coa xira, que veñen xirar co seu mítico grupo para celebrar o seu 40 aniversario”.
Sesión vermú
Coma nas tres edicións anteriores, neste 2024 tamén haberá sesión vermú. Será o sábado 21 ás 13.30 horas, no Logradouro, co noveno participante neste XiriaPop, Jacinto Martos, ex baixista de Pepsi & The Clits.
Presentacións
O día 19, ás 20.00 horas, da man da Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, será inaugurada na Biblioteca Rego da Balsa a exposición Desde o meu punto de vista, unha escolma de fotografías de concertos de Óscar Caamaño, entre elas varias realizadas en anteriores edicións do XiriaPop.
A biblio acollerá tamén dúas presentacións literarias. O día 20, ás 19.30 horas, Carolina Otero estrea o seu poemario La canción de la chica Cheiw, no que participan as carballesas Rosalía Fernández e Silvia Tasende, e o sábado 21 Óscar Avendaño presentará Lo tengo en vinilo, nun acto no que estará acompañado polo mítico xornalista musical J.F. León.