Luns. 29.04.2024
El tiempo

Cantos coches por habitante ten Carballo?

Coches en Carballo
Cantos coches por habitante ten Carballo?

Ofrece esta semana o Concello de Carballo cifras sobre o parque automobilístico do Concello: 28.722 vehículos hai matriculados no termo municipal carballés, 5.441 máis que hai 10 anos (un 23% máis).

Desta cifra, 20.255 son turismos, polo que, contando que no concello están empadroadas 26.607 persoas maiores de 18 anos, a conclusión é que un 76% dos carballeses e carballesas con idade para conducir teñen coche. A media por habitante en España ronda os 500 coches por cada 1.000 habitantes (1 coche cada dúas persoas), mentres que en Carballo (con 31.432 habitantes) serán 644 coches por cada 1000 habitantes,

Tamén hai 2.823 camións, o que reflicte o peso das empresas de transporte; 1.928 tractores, 1.660 motocicletas, 1.195 remolques, 828 ciclomotores e 33 autobuses.

Grandes prezos

Carballo segue sendo un dos concellos galegos onde resulta máis barato ter coche. Por exemplo, o/a propietario/a dun turismo de 12 a 15,99 cabalos fiscais paga 79,14 euros ao ano, fronte aos 110,25 de Arteixo, os 93,52 de Ames, os 132,10 de Narón ou os 86,33 de A Laracha ou Malpica. O Concello de Carballo aplica o mínimo coeficiente legal permitido (1,1), e ademais leva sen modificar as tarifas desde o ano 1997.

Precisamente, dende o vindeiro luns 10 de abril ata o 14 de xuño estará aberto o período voluntario para abonar o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, que suporá para o concello uns ingresos de 1.395.930,86 euros, unha vez descontados os 266.164,96 correspondentes aos vehículos con exención ou bonificación.

Neste sentido, a ordenanza fiscal que regula este imposto establece bonificacións do  100% da cota para os vehículos históricos ou cunha antigüidade mínima de 25 anos, así como para os adaptados a persoas con discapacidade, e do 75% para aqueles que utilicen motores alimentados por hidróxeno, auga ou electricidade (non se inclúen os híbridos), en todos os casos previa solicitude por parte da persoa titular. En total benefícianse destas bonificacións un total de 2.859 vehículos: 2.095 antigos, 752 adaptados e 12 eléctricos. 

Comentarios