A carballesa Candela Lola Battiato Miñones (@sonsdecande) despídese do Pazo de Mariñán
O Pazo de Mariñán, en Bergondo, despide este venres, día 24, unha nova edición das Residencias Artísticas Mariñán, convocadas pola Deputación da Coruña. Dende o pasado 11 de abril unha quincena de talentos galegos desenvolven os seus proxectos no Pazo, ao acubillo provincial.
Entre estes talentos temos á carballesa Candela Lola Battiato Miñones, que na categoría de creación de contidos socioculturais en redes sociais está desenvolvendo a súa iniciativa ‘Cultura ao descuberto’. Candela coida a conta @sonsdecande, e xa ten sido unha das finalistas do Carballo Interplay no Premio á Creación Dixital Galega.
O resto de participantes
Na modalidade de música participan O Xoán Faiado (Xoán Fórneas), Gallaecia Ensemble Barroco (María José Pámpano López, Mario Braña Gómez, Elena Vázquez Ledo, Saúl Puga Amoedo, Roberto Alonso Álvarez e Marta López Fernández), Tránsito (Daniel Pardo Maroño e Carlos Guerrero Bullejos), así como o grupo herculino PAVA (Lucía Aldao, Diego Delgado, Pablo Silva e David Santos).
Na de literatura, Javier Humberto Rodríguez Alonso, co proxecto ‘Nunca morreramos tan xuntos’, e Petra Iglesias Gallego, con ‘Disforia: unha mancha de pel allea’; e na de pensamento Cristina Rodríguez Barrado, con ‘PIM PAM PUM: un entroido!’, e Carlos Fernández López, con ‘Curvas e pregos. Escuma ou Crinas’.
Pola súa banda, na área de creación de contidos socioculturais en redes sociais, os proxectos ‘CienciA: catro pioneiras galegas’, de Yeray Folgar Cameán; ‘carlotaghatos’, de Carlota Casal Ramos; ‘Séculos Escuros’, de Laura Villar Loureiro; e ‘Adochinto’, de Leticia Mayán Rodríguez.