Xa temos os 12 finalistas aos premios á Creación Dixital en galego do Carballo Interplay
- As costeiras @mareandoxogo e @sonsdecande, entre as finalistas.
Ademais de ser un dos avaliadores das webseries máis vangardistas do estado e do planeta, de ser un punto de encontro para amantes da rede de toda o país, o Festival Carballo Interplay ten no seu adn o fomento da creación dixital en galego. E ademais do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3.000 euros para o desenvolvemento do proxecto gañador, o festival quere poñer en valor ás canles e as personalidades que mellor están divulgando nas redes do noso país, en galego.
Para iso, o festival, nesta XIII edición, que se celebrará dende este xoves 16 ao domingo 19 de abril no Mercado de Carballo, anuncia os 12 proxectos finalistas dos seus premios dedicados á creación de contido dixital en galego.
A selección deste ano inclúe catro candidaturas ao Premio á Produción de Contido Dixital en Galego e outras oito ao Premio Creación Dixital Galega, dividido nas categorías de Mellor Canle e Mellor Creador/a. No caso deste segundo galardón, o festival acadou nesta convocatoria un récord de 35 proxectos inscritos, unha cifra que evidencia o interese cada vez maior pola creación dixital en galego, especialmente entre a xente nova, ao tempo que confirma a consolidación deste recoñecemento, que se entrega por terceira vez. Entre elas, atopamos á nosa Laura Rodríguez, a xornalista malpicá detrás da canle @mareandoxogo; e a coristanquesa amante da arte urbana, @sonsdecande.
A elevada participación permitiu ademais constatar a aparición de numerosas propostas emerxentes, mostra do dinamismo e da renovación constante que vive o ecosistema dixital galego. Os gañadores daranse a coñecer na entrega de premios presentada por Lorena Iglesias, o domingo día 19 ás 12:30 no Mercado de Carballo. A continuación o festival pechará a edición cunha sesión vermú con Monkey Mambo Club.
Récord de participación nun premio que afianza a súa traxectoria
O Premio Creación Dixital Galega distingue proxectos xa consolidados ou en crecemento dentro do panorama dixital en galego, sen diferenciar entre plataformas, formatos ou temáticas. Esta convocatoria, que o Carballo Interplay celebra este ano por terceira vez estrutúrase en dúas categorías, Mellor Canle e Mellor Creador/a, dotadas con 600 euros cada unha.
Na categoría de Mellor Canle son finalistas Miradenovo, un espazo de divulgación sobre arquitectura, urbanismo e deseño consciente desde unha mirada galega; Mareando o Xogo, centrado no seguimento do fútbol feminino da Costa da Morte; chutenmeme, unha proposta de humor, política e shitpost cun ton irreverente; e Prendidísima, o podcast de Mai Insua, que aborda cuestións vinculadas á psicoloxía, o feminismo e a diversidade a través de conversas pausadas con mulleres e disidencias sexuais feministas.
Na categoría de Mellor Creador/a resultaron seleccionados @antontísimo, polos seus vídeos de ton xeracional, persoal e reflexivo; @larias_wrk, conta de ilustración que transforma en debuxos cuestións como a precariedade, a saúde mental, a identidade ou a presión estética; @Adochinto, proxecto centrado na divulgación da historia e da cultura galega cunha linguaxe accesible e conectada co presente; e @sonsdecande, unha proposta que parte do muralismo e da arte urbana para abrirse tamén a outros contidos culturais, sociais e de actualidade.
O xurado encargado de valorar os proxectos finalistas está integrado por Andrea Villa, Sara Seco, gañadora da pasada edición na categoría de Mellor Creadora, e o creador de contido coñecido como Salseología.
As persoas finalistas do Premio Creación Dixital Galega presentarán os seus proxectos no pitching previsto para o venres 17 de abril ás 16.00 h. no Mercado de Carballo.
Apoio ao desenvolvemento de novos proxectos
O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego mantén nesta edición a súa dotación de 3.000 euros para impulsar o desenvolvemento dun proxecto audiovisual en formato webserie ou doutros formatos nativos dixitais.
Os proxectos finalistas nesta categoría son
- Falando ao xeito: unha conversa entre bambolinas de Xeitosa Producións, unha canle de divulgación feminista arredor do sector artístico e cultural;
- o microdrama Crossbooking Castelao inspirado en Cousas, de Castelao, presentado por Teresa Barberena Fernández;
- O envés dunha curva, a webserie de ficción cómica con elementos de thriller e enfoque híbrido entre teatro e audiovisual asinada por Silvia Cambón Torre; e Imáisde, microserie de ciencia ficción cómica en formato de falso documental, presentada por Ángela Triana.
As catro finalistas defenderán os seus proxectos nun pitching que terá lugar o xoves 16 de abril ás 17.00 h. no Mercado de Carballo.
Máis novas do Interplay







