Carballo abre novos proxectos de formación para 150 persoas

Ademais de presentar un Programa Integrado de Emprego (PIE) conxunto cos concellos de Malpica e A Laracha para a formación de 60 persoas nos sectores da hostalería e o comercio, a Concellería de Formación e Emprego de Carballo ten en marcha outros tres proxectos que suporán, en conxunto, a preparación e/ou contratación de máis de 150 persoas desempregadas.

En concreto, o Concello de Carballo vén de solicitar un obradoiro para 20 mozos e mozas dentro dos proxectos mixtos de formación e emprego subvencionados pola Xunta de Galicia e orientados a mellorar a empregablidade das persoas de 18 a 25 anos (menores de 30 en caso de discapacidade igual ou superior ao 33%) incluídas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, é dicir, “que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas”, segundo consta na convocatoria da Consellería de Traballo e Benestar.

O obxectivo é cualificalos profesionalmente “coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social”. No caso de Carballo presentouse un proxecto de “Revalorización de espazos públicos e urbanos” que inclúe un módulo para 12 alumn@s sobre montaxe de mobles e elementos de carpintería e outro de colocación de pedra natural para 8 persoas. A formación durará seis meses.

Cursos AFD

Dentro do programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD), o Concello de Carballo solicita un total de 7 cursos que suporían a formación dun total de 105 persoas distribuídas nas especialidades de cociña, servizos de restaurante, soldadura con electrodo revestido, soldadura oxigás e mig mag, montaxe de instalacións electrotécnicas, programación de sistemas informáticos e administración de servizos de Internet. Todos estes cursos, financiados tamén pola Consellería de Traballo e Benestar, están homologados e inclúen certificados de profesionalidade.

Accións para perceptores da Risga

Así mesmo, dentro da convocatoria de subvencións para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, o Concello de Carballo propón a contratación de 10 persoas para desenvolver dous proxectos. Un de rehabilitación de espazos públicos, permitiría insertar a seis persoas durante 7 meses para realizar tarefas de mantemento de espazos verdes, limpeza de solares, beirarrúas, cauces fluviais, lavadoiros e fontes ou vertedoiros incontrolados. E outro de restauración de contornos municipais, para catro traballadores durante 7 meses, coa finalidade de traballar no acondicionamento de beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas, acondicionamento de parques infantís e reparación de infraestruturas viarias.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).