Venres. 19.04.2024
El tiempo

Carballo discrepa pero pide a creación do Centro Integral de Saúde de Bergantiños

Paron no Centro de Saude de Carballo
Imaxe dun dos últimos paróns dos profesionais do Centro de Saúde de Carballo
Carballo discrepa pero pide a creación do Centro Integral de Saúde de Bergantiños

Presentaba esta semana o PP a proposta en pleno para que o Concello carballés lle solicite á Xunta que o ambulatorio de Carballo se convirta no Centro Integral de Saúde de Bergantiños. O diputado autonómico, Rubén Lorenzo, aseguraba que a comarca cumpre os requisitos para acoller unha infraestrutura deste tipo ao contar con máis de 60.000 habitantes que teñen que percorrer máis de media hora en coche para chegar ao CHUAC, valorando que se pode aproveitar o actual centro.

Se ben os profesionais seguro que preferirían persoal e medios para afianzar a atención primaria, semella que o pleno rema na mesma dirección. O grupo de goberno do BNG presenta unha enmenda á moción do PP, lembrando que “o centro de saúde de Carballo encabezou hai unhas semanas o triste ranking negativo de ter unha lista de agarda para unha consulta na atención primaria de 26 días”.
Dende o BNG reiteran que “o abandono dos servizos médicos en Carballo por parte do SERGAS é unha cuestión histórica. Moito antes da construción do Hospital de Cee, Carballo xa viña demandando un hospital comarcal, e dende hai xa bastantes anos vense reclamando que se cumpra a ratio estabelecida para a Atención Primaria de 20.000 habitantes por centro de saúde.”

Partindo así da deficiente situación, e pedindo que se amplíe o persoal, as especialidades e tamén o espazo físico necesario para prestar o servizo, ten dúbidas sobre se “este cambio de nome do centro de saúde agóchase un avance aínda maior na precarización da sanidade pública e na atención primaria, centralizando servizos, desmantelando centros de saúde municipais, afastando a atención primaria dos doentes e amortizando aínda máis persoal. Se o que se pretende é centralizar a Atención Primaria e as especialidades da Comarca de Bergantiños no edificio de Carballo, lonxe de ser un avance na calidade de prestación do servizo de saúde na comarca, trataríase dun evidente retroceso por todo o exposto até o momento, porque dificilmente pode mellorar a Atención Primaria da comarca derivando a un centro de saúde masificado aínda máis usuarias e usuarios”.

Nese sentido a enmenda pide que, ademais da construción dun novo Centro de Saúde, que volva “dotar o centro de saúde de Carballo dos servizos de cirurxía e xinecoloxía eliminados, así coma das especialidades de medicina interna, otorrinolaringoloxía, dermatoloxía e cardioloxía, ademais de incrementar a carteira de especialidades”.

Comentarios