Carballo pon en marcha un centro de coworking que acollerá a 18 novas empresas no Fórum
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe coa empresa Atlantic Ponte 2000 o contrato de asistencia técnica para a coordinación e dinamización dun espazo de traballo colaborativo. O Fórum será a sede dun dos centros de coworking integrados na rede provincial impulsada dende a Deputación da Coruña, que achega 75.000 euros a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende). O Concello, pola súa banda, completará os 83.429,50 euros polos que foi adxudicado o servizo.
O centro de coworking ocupará un espazo de 160 metros cadrados e terá capacidade para acoller 18 novos proxectos empresariais, cuxa actividade de negocio estará orientada ou vinculada, preferentemente, ao sector tecnolóxico ou da innovación. Estes últimos días do ano dedicaranse á organización e posta en marcha do servizo, e a partir de xaneiro realizaranse unha campaña de difusión para a captación dos emprendedores e emprendedoras que utilizarán este novo centro de emprego, colaboración, encontro e aprendizaxe. O obxectivo é preparalos e dotalos das mellores ferramentas para que, unha vez rematado este período de viveiro, os seus proxectos empresariais poidan funcionar coas maiores garantías de éxito.
Carballo pasa así a formar parte, xunto con Oleiros, Brión e Boiro, do grupo de concellos que conforman o embrión da Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, nos que se situarán iniciativas emprendedoras dun sector determinado. Así, por exemplo, o centro de Oleiros está destinado a emprendedores do sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables; o de Brión, a empresas de transformación de produtos do sector primario, e o de Boiro aos sectores conserveiro, de transformación de produtos do mar, hostaleiro e turístico.
O centro de Carballo, que ten ámbito comarcal, está orientado ao sector tecnolóxico e empresas innovadoras. Ademais de contar con espazos para 18 emprendedores, un técnico de dinamización e un auxiliar administrativo, o espazo de traballo colaborativo utilizará as infraestruturas do Fórum Carballo que sexan necesarias para desenvolver as súas actividades.