sábado. 18.10.2025
El tiempo

A reliquia de Santo Outelo de Goiáns

 imaxe do relicario do Santo da freguesia de Goians-Carballo
Imaxe do relicario do Santo da freguesia de Goians-Carballo
A reliquia de Santo Outelo de Goiáns

Dentro da fermosa igrexa de Goiáns, nunha fornela do seu retablo maior, atopamos unha imaxe de boas dimensións que representa a Santo Outelo, o décimo terceiro Papa de Roma, natural de Nicópolis e cuxo nome ven significar “libre”. É moi venerado nas parroquias do rural xa que, segundo din os seus devotos e o amosan as súas representacións iconográficas, foi martirizado ao soltarlle varios cans afectados pola rabia. A imaxe de Goiáns pertence a un escultor anónimo e mediocre da Compostela do último terzo do século XIX, que ten moitas tallas por Bergantiños; foi recentemente restaurada por un pintor carballés residente en Artes. Co desexo que aumentase a devoción a este benaventurado, ao pouco de chegar a súa efixie a Goiáns, o párroco procurou obter unha reliquia, un fragmento óseo do Santo. Este foi outorgado en Roma o 17 de marzo de 1885 e conservado por un sacerdote que despois llo remitiu ao crego en cuestión. Este debeu de recibilo nese mesmo ano, xa que gastou 35 pesetas en Santiago por un relicario de cobre prateado. Anos despois, o 20 de decembro de 1892, o párroco Ramón Trigo García solicitou regularizar a reliquia a nivel diocesano, pedindo ao arcebispado que lle concedese licencia para dar a bicar ese prezado tesouro. Así di a carta que enviou:

Excelentísimo Señor: Toda vez que a medio del presbítero don Ramón Pérez, alumno del colegio Pío Latino de Roma se haya facilitado con su auténtica la reliquia del glorioso San Eleuterio, mártir y pontífice, cuya imagen se venera en la iglesia parroquial de San Esteban de Goyanes, filial de Santiago de Sísamo, en Bergantiños, el suscrito suplica al Rvdo. Prelado Diocesano licencia expresa in scriptis para exponer y dar a besar a los fieles la mencionada reliquia el veintiséis de mayo de cada año, día en que se celebra la función solemne del Santo”.

A reliquia consérvase hoxe aos pés do Santo, nun sinxelo relicario de cobre, co resto óseo por un lado metido nunha teca con fondo vermello e coa inscrición abreviada “S. Eleuth. P M”, é dicir, Santo Outelo Pontífice e Mártir, e cunha medalla no reverso. Xunto coa imaxe grande hai outra de menores dimensións, empregada para pedir esmolas e dar a bicar nos días da súa festa. 

Máis artigos de Luís Bermúdez

Comentarios