Carballo presenta o plan director dos barrios da Granxa e O Hospital

En 2020 comezaban o plan vinculado ao barrio de Baños Vellos, que se foi desenvolvendo durante estes coas obras de mobilidade das rúas Ourense, Lugo, Pontevedra, Estrela e Baños Vello.
Onte tocaba arrincar un novo desafío: o plan director dos barrios da Granxa e O Hospital. Encargado o ano pasado, o concelleiro de Planificación Urbana e Mobilidade, Juan Seoane, e un dos redactores do documento, David Río, presentaron onte na Biblitoeca Rego da Balsa, o plan urbanístico para ordenar toda a contorna da avenida Ponte da Pedra. En total, 9,8 hectáreas de superficie nas que hai 23 rúas, 1.432 residentes, 773 vivendas e 653 prazas de aparcamento.
O ámbito de estudo abrangue as avenidas de Malpica e Ponte da Pedra e as rúas Fábrica, Carré Aldao, Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Labarta Pose, Manuel Murguía, Antón Fraguas, Cuba, Uruguai, Brasil, Bolivia, Colombia, Venezuela, Nicaragua, Arxentina, Ecuador, Costa Rica e México.
As cifras
O desenvolvemento do plan director suporá aumentar a superficie peonil nun 21%; multiplicar por 2,5 os espazos permeables cunha ampliación de 4.300 metros cadrados, a plantación de 88 árbores para que haxa unha por cada 300 metros cadrados e o incremento das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida nun 40%.
Acceso ao CEIP Bergantiños
Algúns dos problemas detectados na zona son as interferencias modais no acceso ao CEIP Bergantiños, o alto volume de tráfico, a escasa presenza de elementos vexetais e superficies drenantes, a falta de luz natural nas rúas, moitas rúas estreitas, conexións pendentes de desenvolvementos urbanísticos, locais baleiros, parcelas sen pechar ou medianeiras non resoltas.
Para solventalos, as medidas concretas son as seguintes:
- Converter en peonil o treito de Carballo Calero comprendido entre Eduardo Pondal e Álvaro Cunqueiro, que cambiará de sentido de circulación para crear dous rotores separados con acceso por Ramón Cabanillas desde o oeste e por Carré Alado desde o leste.
- Establecer sentido único no tramo leste de Carballo Calero, para favorecer a circulación en momentos de máxima afluencia.
- Creación dun carril de xiro á esquerda na avenida de Malpica cara Carré Aldao para mellorar a seguridade desa manobra.
- Modificar as incorporacións á avenida Ponte da Pedra para gañar en fluidez en horas punta e limitar os xiros á esquerda para incorporarse desde Álvaro Cunqueiro, dada a existencia dunha rotonda próxima.
- Ampliación das prazas de estacionamento establecendo o aparcadoiro en batería en Carballo Calero, creando un novo estacionamento de proximidade na traseira do polideportivo con acceso desde Carré Aldao ou incorporando prazas de uso durante un tempo limitado.
- Na zona sur do ámbito xa se teñen anticipado algunhas das medidas previstas no plan director como a dirección única na rúa Cuba, o principal problema é o elevado tráfico da rúa Brasil e as altas velocidades detectadas nesa vía, polo que se intentará mudar os fluxos de tráfico con medidas como o establecemento de direccións únicas ou a redución da plataforma destinada ao tránsito rodado.
- Incorporación das bicicletas en calzada para darlles continuidade ás sendas da zona.
Escaseza de espazos verdes
A escaseza de espazos verdes é outra das carencias, e para iso realizarán estas medidas que permitirán pasar de 16 a 104 árbores.
- Introdución de novas especies de árbores no CEIP, máis permeabilidade e paxareiras.
- Creación dunha nova praza na rúa Carballo Calero coa incorporación de polinizadoras e superficies permeables.
- Reconfiguración da praza Leste de Eduardo Pondal, formando un mini-bosque urbano con solos permeables.
- Ampliación da Praza do Hospital, aumentando a sección e capacidade de infiltración das bases de arborado.
- Creación dun eixo verde norte-sur, englobando as actuais zonas verdes e dotacionais xunto coas reservas de desenvolvemento.
- Xardín de polinizadoras no “tampón urbanístico” da rúa Brasil.