Carballo rescata a historia do pintor fusilado polo franquismo Francisco Miguel
Hai un ano Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) realizaba a exhumación de 4 vítimas do franquismo no cemiterio de Bértoa. Coincidindo co cabodano desa exhumación e 88 anos do fusilamento, o Concello prepara unhas xornadas para poñer en valor a figura dun deles: o pintor Francisco Miguel.
A Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística ten programadas unha serie de actividades deseñadas polo historiador Hadrián García, encargado de deseñar os materiais didácticos.
Así, a proposta inclúe unha unidade didáctica dirixida a nenos/as de 3º a 6º cursos de primaria e outra de tipo audiovisual para o alumnado de secundaria. Este material faráselle chegar a todos os centros interesados para que tamén nas aulas se poida traballar sobre a importancia da figura de Francisco Miguel e sobre unha época histórica como a franquista.
E tamén se lles proporá, dentro dunha iniciativa denominada ReCrearte, que recreen as obras do pintor coruñés para poder realizar posteriormente unha exposición en cada centro educativo e/ou nun edificio municipal.
O programa pretende ser interxeracional, e por iso tamén se inclúe un obradoiro de batik, unha técnica artística que practicou Francisco Miguel, para o propio sábado 28 pola mañá. Está destinado a mocidade e persoas adultas, e as interesadas poden anotarse enviando un correo cos seus datos a [email protected].
O mesmo 28 pola tarde haberá unha xuntanza moi especial nas Escolas do Xardín Agra de Caldas con Xan Fraga, historiador, profesor e escritor; Carmela Galego, historiadora da arte; Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor e editor; Carmen Rodeja, investigadora; David Lozano, investigador; Serxio Castro, arqueólogo, e María Díaz, veciña de Bértoa. Todos e todas con vinculación directa coa exhumación dos restos dos catro fusilados.
Para participar na xornada, que se desenvolverá a partir das 17.00 horas, tamén se precisa inscrición, que pode realizarse enviando un correo a [email protected].