Carballo xa conta con 2.500 prazas de aparcamento en parcelas da zona urbana

Ademais das miles de prazas de aparcamento que hai na vía pública, incluídas as case cincocentas da zona azul, o Concello de Carballo ten a disposición da veciñanza 2.498 prazas para vehículos en 48 parcelas de uso gratuíto. A maioría están en soares particulares cedidos provisionalmente, pero xa son preto de catrocentas as situadas en terreos municipais, entre elas a maior bolsa que temos na vila: as 210 prazas do estacionamento situado entre a rúa Perú e a avenida Ponte da Pedra.
Comodato
O goberno municipal vén apostando nos últimos vinte anos pola utilización do sistema de comodato, que consiste na cesión ao Concello de fincas particulares a cambio da exención do IBI. A cesión é provisional, de xeito que as persoas propietarias poden solicitar en calquera momento a devolución do terreo, como xa ten ocorrido.
Nestes momentos, precisamente, estase a traballar na consecución e o acondicionamento de dous novos espazos para vehículos, un na contorna do CEIP Bergantiños e outro nas inmediacións da Praza do Concello.
De xeito paralelo, o Concello de Carballo está a levar a cabo o acondicionamento destes aparcadoiros, tanto no que se refire ao firme coma á limpeza.