Xoves. 10.10.2024
El tiempo

"Carta dunha nai agradecida tras salvar a vida do meu fillo"

Sonia, unha nai de Carballo, quere enviar “esta carta humilde de agradecemento” a Katy Pena. A Policía Local da vila salvaba a vida do seu pequeno de 6 anos, e Sonia non quere deixar de enviarlle a súa eterna gratitude.
Manuel Fuentes e Katerina Pena homenaxeados en Poio pola Xespol
Katerina Pena, na imaxe, sendo homenaxeada en Poio pola creación da plataforma XESPOL
"Carta dunha nai agradecida tras salvar a vida do meu fillo"

 

Carta dunha nai agradecida

O pasado martes día 15 de febreiro, atopábame xunto con outras nais, gozando dun magnífico cumpreanos ao que unha compañeira de cole, convidara aos meus fillos xemelgos de seis anos, Leo e Joel. Durante aquela tarde, os nosos fillos gozaban da ampla oferta que unha empresa de lecer infantil nos ofrece desde as súas instalacións no Polígono de Bértoa.

Mentres os nosos fillos xogaban e divertían, as nais e pais que acudimos ao evento, conversábamos das nosas cousas, conscientes de que ningún perigo podería axexar aos nosos cativos. Nada máis lonxe da realidade. Nun momento daquela plácida e agradable tarde, o meu fillo Leo comezou a bracear de xeito estrano e a levar as mans á súa garganta. Case sen tempo a pensar no que realmente estaba a suceder, observei desde a distancia como a súa cara se conxestionaba primeiro e empalidecía a continuación. O comportamento do resto dos nenos, xa nos facía intuír que algo malo podía estar a pasar con Leo.

O que realmente sucedía era que o rneu fillo non podía respirar e angustiado, braceaba pedindo auxilio sen poder articular palabra. O meu fillo afogábase. Os nervios e a desesperación do momento apoderáronse de min. O sangue conxélaseche e o corpo bloquéaseche. Cada segundo de angustia convértese en interminables minutos de incerteza e, o temor a un desenlace non desexado, por momentos, chega a apoderarse de ti. Realmente é imposible resumir o que, naquel momento, vivín como nai.

Grazas a deus, no lugar atopábase co seu fillo e polo mesmo motivo outra nai, Kathy, policía local en Carballo. A súa rápida intervención e decisión á hora de realizarlle ao meu fillo unhas continuas compresións abdominais, lograron que aquela galleta de xeado que asfixiaba por atragoamento ao meu fillo, finalmente deixase de impedir o paso do aire que tanto necesitaba para seguir respirando. Entre bágoas de alegría abracei ao meu fillo Leo e, aos poucos, a súa pálida cara comenzou a coller a súa cor e a debuxar o seu inconfundíble sorriso.

Estimada Kathy, en nome de toda a miña familia e no meu propio, queremos recoñecer e agradecerche a través desta carta pública, a rápida, decisiva e vital intervención que realizaches aquel día para salvar ao meu fillo Leo. Moitas grazas!!!

  • Asdo: Sonia, unha nai agradecida para toda a vida.

Novas relacionadas

Comentarios